Os XXV Premios de Publicidade en Galego incorporan un galardón extraordinario para centros educativos

 

Os Premios de Publicidade en Galego, que en 2018 acadan a súa XXV edición, incorporan este ano unha categoría extraordinaria que recoñecerá proxectos elaborados por alumnado de centros educativos e que se sumará ás catro que se viñan recoñecendo ata o de agora: radio, televisión, internet e prensa escrita. Os galardóns teñen como obxectivo promover a publicidade en lingua galega e encádranse nas directrices do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020.

As bases da convocatoria desta XXV edición dos Premios de Publicidade en Galego foron aprobadas nunha reunión celebrada este mediodía no Parlamento de Galicia coa participación do titular da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez; e o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez.

Estes premios recoñecen accións publicitarias difundidas ou transmitidas integramente en galego entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017. O prazo de inscrición na convocatoria estará aberto ata o 11 de outubro de 2018 e os premios entregaranse no mes de novembro deste ano, coincidindo coa celebración da galeguidade empresarial e as bases e toda a información xa están dispoñibles no Portal da Lingua Galega, www.lingua.gal

Nas categorías de radio, televisión, Internet e prensa escrita establécense dúas modalidades de premio: para a empresa anunciante e para a axencia de publicidade autora do anuncio. O premio extraordinario busca recoñecer os traballos realizados polo alumnado dos centros educativos especializados nalgunha das áreas de coñecemento que teñan que ver coa publicidade durante o curso 2017-2018. Estes centros deberán formalizar tamén a folla de inscrición.

Ata o ano 2016 os Premios de Publicidade en Galego viñan sendo convocados polo Consello Asesor de RTVE-G e da Corporación da RTVG, agora disolto. Desde 2017, son convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, coa colaboración do Parlamento de Galicia e do Foro Enrique Peinador.

Proxectos e empresas gañadoras da pasada edición

Na pasada edición dos Premios de Publicidade en Galego resultaron gañadores, na categoría de televisión, o traballo “Imposible sen ti”, da axencia Tex 45 Producións SLU, por encargo de Abanca Corporación Bancaria, SA. O premio da categoría de radio foi para o anuncio “Medo a quedar sen datos”, da axencia Bap&Conde, para R Cable e Telecomunicacións Galicia, SA. Na categoría Internet resultou galardoado o anuncio “A túa compra, os teus temazos”, da axencia Nasas, axencia creativa de márketing online, elaborado por encargo de Gadisa Retail, SLU. O xurado declarou deserto o premio á categoría de prensa escrita porque o traballo presentado non se axustaba ás bases da convocatoria.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar