A ‘división’ no 25 de Xullo

A festa patronal da parroquia cada quen celébraa na súa casa e cos seus.

Certo que sempre hai algúns veciños renartes aos que lle gustaría que non houbese festa e aínda arremeten contra os ramistas porque “non teñen outra cousa que facer”.

Algúns collen e van comer fóra. Outros néganse a ir á festa e din que “total non vai ninguén”, e aínda os hai que afirman que eles non van porque “sempre somos os mesmos e non ven ninguén de fóra” e citan os exemplos da parroquias da contorna que “eses si que teñen boas festas, non coma nós”. E outros que lles piden aos seus parroquianos “que muden dunha vez estas festas que xa non teñen xeito nestes tempos”.

Taliño ao que sucede co 25 de Xullo. E, como nas parroquias, sempre son, ano tras ano, os mesmos e cos mesmos argumentos os que arremeten contra a festa e os festeiros.

Saber, saben, sobre todo nos medios de comunicación, que en todas as festas nacionais, os distintos partidos as celebran por separado e, cada quen cos seus segundo xeitos e tradicións. Só cando se dan momentos políticos especiais por ataques foráneos a propia identidade, ou ben nunha conxuntura política de total coincidencia no proceso, se deixan a un lado as lexítimas diferencias e se converte en imprescindíbel esa unión.

Pero ocorre moi poucas veces.

Miremos para as nacións da nosa contorna. En Euskadi, o Aberri Eguna, tivo a última convocatoria conxunta no 1979. O día da Patria Vasca foi instaurado polo PNV e foi el quen o mantivo en tempos difíciles. Durante os últimos anos da ditadura e durante a transición foi celebrado por todos os partidos políticos nacionalistas e de esquerdas. Pero o PSOE logo se desmarcou. Agora o PNV faino pola súa conta e os abertzales, pola súa.

Na Diada catalana, desde aquela famosa manifestación de 1977, co lema ‘Libertat, Amnistía, Estatuto de Autonomía’, non só o comezou a celebrar cada quen pola súa banda, senón que, chegado o pujolismo ao poder, foise convertendo nunha festa institucional porque “xa non hai nada que reivindicar”. Só os partidos independentistas, unhas veces máis xuntos que outras (na mesma marcha pero separados), seguiron co carácter reivindicativo da data, aínda que os manifestantes nunca chegaran aos dez mil.

O proceso soberanista que están a vivir, cargou outra volta o 11 de Setembro do carácter unitario nacionalista, aínda que os partidos españois e os medios críticos afirmen un ano si e outro tamén que “a Diada perdeu o seu carácter aglutinador”.

En todos os lados, os que piden “unidade” son os que están máis sos ou renegan da propia festa. Si, hai moitos deses que din que “se non imos todos, eu non vou”. Son os mesmos que, co idénticas razóns, se escaquearon sempre dos traballos comunitarios.

 

Afonso Eiré é xornalita e colaborador habitual de “El Correo Gallego”

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar