Melloras en seis estradas do entorno de Santiago

A Axencia Galega de Infraestruturas está a desenvolver no entorno de Santiago dous proxectos de obras nos que se van investir máis de 1.157.000 euros para mellorar o firme de seis estradas autonómicas.

O primeiro deses proxectos, cun orzamento de execución de 577.000 euros, beneficia ás estradas AC-261, que une o concello de Boqueixón coa cidade de Santiago, a través dos barrios de Sar e Aríns, a AC-841 de Pontevea (Teo) a Santiago, a AC-300 da Picaraña (Padrón) a Os Ánxeles (Brión) e a AC-308 entre Augasantas (Rois) e Lousame.

O segundo proxecto actúa nas estradas AC-544 entre Bertamiráns (Ames) e Negreira, que tamén discorre polos municipios de Brión e A Baña, e na AC-453 entre as localidades de Quintáns e Covas, en Ames. Conta cun orzamento de preto de 580.000 euros. Ambos proxectos contan cun prazo de execución de seis meses.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe en Ames o desenvolvemento dos traballos e destacou que “a Consellería de Infraestruturas e Vivenda persegue dous obxectivos a través destes proxectos, dunha banda lograr que a rehabilitación do firme permita prolongar a vida útil do pavimento das estradas e, pola outra, incrementar a seguridade viaria para condutores e peóns”.

Se ben cada unha das actuacións ten as súas propias particularidades, en xeral os proxectos buscan mellorar as condicións de confort e comodidade mediante o reforzo localizado do firme das estradas. Realizaranse microaglomerados en zonas que presenten fisuras e non estean deformados. Para os tramos máis deteriorados fresarase o asfalto actual para a súa total substitución. Ademais tamén se reforzará cunha nova capa asfáltica os tramos con máis tráfico.

Os proxectos tamén contemplan a mellora na drenaxe en varios puntos, mediante a construción de cunetas de seguridade, a instalación de barreiras metálicas en puntos de risco así como a reposición da sinalización horizontal e vertical que se atope deteriorada.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar