Case un millón de galegos conectaron coa TVG na Noite dos Fogos

A programación especial que a TVG ofreceu o 24 e o 25 de xullo con motivo do día grande de Galicia obtivo un grande éxito de audiencia, converténdoa na canle favorita dos espectadores para entreterse e informarse durante estas dúas xornadas.

Así, “A Noite dos Fogos do Apóstolo” foi a emisión máis vista en Galicia o día 24, cunha audiencia media de 161.000 espectadores e unha cota de pantalla do 21,2%. Ademais, ás 23.56 h., cando estaba a piques de rematar a retransmisión do espectáculo pirotécnico, a Televisión de Galicia acadou o minuto de ouro cun share do 31%. Este programa especial foi quen de chegar a unha audiencia de 432.000 galegos, o 16,5% da poboación de catro e máis anos.

O “Telexornal Mediodía” foi a segunda emisión máis vista de toda a programación e o informativo máis seguido do día en Galicia, cunha audiencia media de 132.000 espectadores e unha cota de pantalla do 20%.

Ademais, a TVG tamén se fixo co liderado na faixa de prime time do 24 de xullo, ao contar cun 16,3% de cota, o que fixo que liderase as audiencias tanto no ámbito de Galicia coma entre as canles autonómicas. No conxunto da xornada, acadou unha media do 11,8%.

Na xornada seguinte, o Día Nacional de Galicia, a TVG fíxose co liderado absoluto de audiencias na nosa comunidade. No conxunto do día, acumulou unha cota de pantalla do 13,1%, a 2,4 puntos do seguinte competidor, Antena 3. No prime time ou faixa de maior consumo televisivo, repetiu liderado cun share do 12,6%, a 2,3 puntos da seguinte canle, que foi de novo Antena 3.

Ao igual có día anterior, a canle pública galega repetiu cos programas máis vistos do día. Novamente, o “Telexornal Mediodía”, que lle dedicou boa parte do seu tempo aos actos do Día do Apóstolo, foi a emisión de maior audiencia ao longo da xornada, cunha media de 140.000 espectadores e un 24,2% de cota de pantalla. Ás 15.09 h., a TVG acadou o minuto de ouro en Galicia, concentrando 177.000 espectadores diante do televisor e chegando a un 29,6% de share.

O “Galicia Noticias”, que contou cunha audiencia media de 120.000 espectadores e unha cota de pantalla do 24,9%, foi a segunda emisión e o segundo informativo máis visto na comunidade galega.

No prime time, o programa de entretemento máis visto polos galegos foi a “Gala 25 de xullo”, que rexistrou unha cota do 13,1% e unha audiencia total de 402.000 espectadores, o que supón máis do 15%.

En total, entre os días 24 e 25 de xullo, a Televisión de Galicia contou cunha audiencia total de 977.000 espectadores.

RETRANSMISIÓN POR FACEBOOK LIVE

Por segundo ano consecutivo, a CRTVG usou a canle de comunicación Facebook Live para transmitir tamén os Fogos do Apóstolo. Preto de 100.000 persoas foron acadadas e houbo máis de 4.000 reaccións e comentarios ao evento. É de salientar a universalidade da transmisión, con comentarios chegados desde a China, os Estados Unidos, A Arxentina, Venezuela, O Brasil, Bruxelas e tamén desde moitas partes de España.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar