Negocios de bancos

       O negocio dos bancos é comprar e vender diñeiro, e na diferencia está a lucro, alomenos no negocio tradicional, que alguns téñense metido noutras aventuras con discutible resultado.

         Pero xa son historia aqueles bancos que fichaban comerciais coñecidos para, coas súas relacións personais, conseguir que persoas con aforros ou negocios boiantes depositasen fondos na entidade, que logo cederían en créditos con garantía hipotecaria ou persoal. Porque o negocio da banca cambiou radicalmente, reducindo oficinas, sustituíndo masivamente ao persoal con experiencia por bisoños traballadores moito máis baratos para a entidade, e polo tanto conseguindo mellores resultados.

         E xa que esta época de crise restrinxiu o negocio dos créditos, entran en funcionamento outros mecanismos dos que as xestións personais teñen principal papel, pero por vía telefónica.

         Eu, que en tempos de actividade profesional ou empresarial, teño asinado numerosos créditos, nunca daquela recibín ofertas senón que tiven que solicitalos e loitar para conseguilos.

         Agora, cando esa etapa xa pasou, un día si e outro tamén recibo chamadas da miña entidade bancaria para ofrecerme créditos. Primeiro a oferta era de 12.000 euros, por se quería darme un capricho, cifra que logo se elevou a 25.000 co mesmo fin, e cando respondín decindo que non cría poder acceder a tal concesión, pois superaba os 70 anos, idade tope para que un banco concedera créditos, informáronme de que ese límite viñan de subilo aos 75 anos.

         A última oferta que recibo é a de concederme 45.000 euros para cumplir os soños que non puiden realizar ata agora, e a informante non podía crer que rexeitara unha oferta así, aínda que tampouco lle dixen que os soños que teño por cumprir non dependen de diñeiro para cumprilos. O caso é que me indicou que volverá chamarme por se o penso mellor.

         Pode ser que os xubilados sexamos o novo nicho de negocio dos insaciables bancos, porque se alguén non paga sempre hai unha pensión á que botarlle a man. Porque iso si, os bancos non dan puntada sen fío. E o fío, non o esquezamos, non é o servizo económico que prestan. O fío é, pura e simplemente, o diñeiro que os fai funcionar, medrar, e avasallar.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar