Homenaxe do PSdeG-PSOE a Castelao en Rianxo

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presidiu no Día de Galicia, a ofrenda floral que os socialistas realizan a Castelao dende a vila que o viu nacer. Dende alí, tivo palabras de compromiso coas vítimas do accidente de hai cinco anos en Angrois e de apoio para os feridos como consecuencia do incendio que tivo luga nun barco turístico no Grove.

Tras depositar as flores ante o busto do ilustre galeguista, o líder do PSdeG-PSOE reivindicou que Galicia é “un compromiso e unha paixón”. “Sentimos Galicia, queremos Galicia, vivimos Galicia e queremos dar o mellor para Galicia”, proclamou, antes de poñer en valor “o compoñente galeguista” do PSdeG combinado cun ideario de traballo en favor dos que teñen “máis dificultades” e a prol da “igualdade de oportunidades”.

Como rememorou Gonzalo Caballero no que é o seu primeiro Día de Galicia como secretario xeral do PSdeG, nesa construción dun partido “galeguista e socialista” destaca o legado de Ramón Piñeiro, Ceferino Díaz ou Xosé Luís Rodríguez Pardo, recentemente falecido. Así mesmo, proseguiu, incorpora “as mellores experiencias de goberno”, que viñeron da man de Emilio Pérez Touriño, presente no acto, e Fernando González Laxe.

E é que “traballar polos galegos e as galegas”, en palabras do líder do PSdeG, “é a nosa causa e o que nos move”. “Cremos en Galicia como unha posibilidade de crear futuro, riqueza e emprego. Queremos unha Galicia de futuro, de vangarda, que dea oportunidades a todos e todas”, recalcou, en contraposición cunha dereita que “non goberna para a maioría”.

Proba diso, explicou Gonzalo Caballero, é a negativa de Feijóo a utilizar os 130 millóns de euros resultado da relaxación do límite de déficit que o goberno liderado por Pedro Sánchez ten negociado con Bruxelas. “Pon o seu neoliberalismo e o seu ideario caduco por riba das necesidades do país”, reprobou, consciente de que, por exemplo, eses fondos poderían utilizarse para poñer fin á supresión de pediatras en moitos concellos.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar