Turismo de Galicia colabora coa Catedral de Santiago nas visitas ao Pórtico da Gloria

A directora de Turismo, Nava Castro, asinou  un convenio coa Catedral de Santiago a través do cal a Xunta de Galicia colaborará na primeira fase do plan de ordenación de visitas ao Pórtico da Gloria deseñado polo Cabido da Catedral de Santiago e que dará comezo o vindeiro venres 27 de xullo e se estenderá ata finais de setembro. Ao abeiro deste acordo, Turismo de Galicia fará posible que se dispoña dun equipo permanente de vixiantes de seguridade en todo o horario de apertura que se encargará de regular os fluxos de visitantes.

No acto -que contou coa presenza do deán, Segundo Pérez, e do director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo- Nava Castro enmarcou esta contribución no constante traballo do Goberno galego por garantir un modelo turístico responsable que protexa, poña en valor e comparta os seus recursos cos cidadáns chegados doutras comunidades e países. Como dixo, pola súa fraxilidade, o coñecemento de recursos como o Pórtico da Gloria precisa do “compromiso social e institucional para garantir a súa completa salvagarda, boa xestión e óptima conservación”, algo que ao que aspira o convenio asinado hoxe.

Ao abeiro da colaboración entre Turismo de Galicia e a Catedral de Santiago, instalarase un punto de control na praza do Obradoiro, aos pés da escalinata barroca da basílica compostelana, onde se situarán dous vixiantes de seguridade, que só permitirán a subida ao grupo de visita e ao que quedará en espera. Neste punto farase entrega dun folleto informativo sobre o Pórtico da Gloria, dispoñible en galego, castelán e inglés.

Amplo horario de luns a domingo

O seguinte punto de control estará na zona superior da escalinata, onde estarán situados outros dous vixiantes de seguridade que facilitarán o acceso ao interior por unha das portas laterais, mentres a outra quedará reservada para a saída. Finalmente, os outros dous vixiantes de seguridade atoparanse no interior, na zona de visita ao Pórtico da Gloria, que estará separada do resto da Catedral. O persoal de seguridade controlará que se respecte esa barreira de separación e explicará ao público como proceder para facer o percorrido.

Nesta primeira fase das visitas ao Pórtico da Gloria deseñadas pola Catedral de Santiago, poderán acceder grupos de 25 persoas como máximo. O acceso, que será a través do primeiro punto de control na escalinata, que ofrecerá a oportunidade de volver empregar o espazo monumental e a súa terraza superior, redescubrindo a ampla perspectiva sobre a praza do Obradoiro.

Os grupos entrarán de balde e por rigorosa orde de chegada cun amplo horario de luns a domingo desde as 8,00 horas ata as 22,00 horas, tendo en conta que o último acceso será ás 21,45 horas. O tempo de visita será como máximo 15 minutos. Para grupos de persoas con discapacidade, a Catedral de Santiago facilitará percorridos alternativos

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar