Romaría en Padrón: o Santiaguiño do Monte

Compostela centraliza todo en Galiza, tamén as celebracións de cada 25 de xullo. E aínda así non pode cunha das máis significativas romarías galegas, a do Santiaguiño do Monte en Padrón. Emblemático lugar en relación coas lendas xacobea: da prédica do Apóstolo Santiago neste cabo do mundo, onde tivo lugar a conversión e o bautismo da Raíña Lupa, regula indíxena, celta romanizada. Princesa que anos despois desta andaina do Apóstolo, e sempre segundo a lenda, nos seus pazos do Castro de Veca ou do Faramello, logo no Pico Sacro, recibiría aos discípulos, Teodoro e Atanasio, co corpo morto do seu apóstolo mentor. Amarraron a “barca de pedra” no Pedrón e pousaron en terra galegas as reliquias do “Íntimo amigo Do Señor”. Para, de seguido, emprender unha enleada odisea, como un xeito de Xogo da Oca, ascese, entre ires e vires, milagres, dragóns, serpes, touros bravos e finalmente darlle sepultura. Vello tema que aínda pode dar moito máis de si , tal como na metade do século vinte reinterpreta en Fida la hija del último druída Galaico o xesuíta compostelán e arqueólogo padre Xesús Carballo García, adoptado en Cantabria como un dos seus grandes sabios. Páxinas onde o mito, a tradición e a arqueoloxía trenzan un cadrelo que nos mete no mundo galaico romano do século I, da romanización, de Iría e da cristianización.

Padrón é como o embigo nese labirinto que é a “translatio”, “navigatio”, camiño do oriente ao occidente, dun berce a un sartego. Tradicións que parten dos escritos dos Feitos dos Apóstolos encol da misión encomendada aos mesmos dende o día do Pentecostes, encomendándolle a Xocobe predicar na Fisterra do mundo antigo. E por iso sempre se representa a Santiago, Xacobe Boanerges ( en arameo o “Fillo do Trono”), da casa do Zebedeo, como patriarca caviloso, co caxato como vara máxica, e na súa esclavina ou no gorro, a vieira, símbolo do renacer, da deusa Venus, da converxencia e da diverxencia. Tamén coa mensaxe do profeta Isaias de “Glorificar o sitio onde pousen os seus pes”. Asuntos tratados e inspirados das Acta Sanctorum, das Crónicas de Adelmo, dos textos dos seguidores da escola isodoriana, dos breviarios romanos, dos calendarios mozárabes, das lendas que poñen a Xacobe predicando nos confíns de Iberia até nas ribeiras do río dos Iberos, o Ebro, onde sobre un piar pagán se lle aparece a Virxe. Tema que se leva á arte, a retablos como o do Mestre de Astorga ou o de alabastro que o párroco inglés J. Goodyear de Nottingham regala á catedral compostelán no 1456. Lenda xacobea enguedellada entre a predicación nestes confíns, a decapitación e a translatio do corpo do Apóstolo en nao (de pedra), guiada por anxos e estrelas dende as torres palestinianas de Xoppe ás Torres de Augusto no Mar de Arousa, logo até Iria co desembarco, episodios con Lupa, cos delegados de Roma en Duio, persecución, milagres, os dragóns do bosque Ilicino, do Libredón e finalmente a sepultura na Arca Mármórica na que será Compostela. Cidade pois nacida do sartego, a que quizais, segundo outros, afianza a cristiandade sobre a translatio dende Tréveris e o sartego do corpo desoutro decapitado do século IV que foi Prisciliano. Teorías que multiplican a maxia galega. E iso si, metrópole arredor da que se abre o escintilar dunha nova galaxia de camiños por ceo, mar e terra… con lendas que son fonte de inspiración, base da peregrinación e de relacións.

Montes de Padrón, altares onde as cimas do monte Treito, o pico da Medela e os do Lapido, Carcacía e Miranda sinalan o territorio do curso final do mítico río Ulla, o Ulie dos antigos e que nestas farturentas veigas recibe as augas do Sar. Terra propensa ás inundacións, agora minoradas polos canles preventivos. Cursos aproveitados con pesqueiras pras lampreas, con muíños e curtidoiros. Hortas que ben souberon aproveitar os frades franciscanos de Herbón, onde experimentar con exóticos vexetais traídos de fora, os pementos, o pino romano, a camelia, as palmeiras, as laranxeiras… Paraíso e encrucillada de camiños ben aproveitada dende a Prehistoria e velaí os asentamentos e achados de todo tempo e moi particularmente da Antigüidade ao Medievo co florecer de Iria Flavia. Territorio matriz da poderosa casa dos Trastámara. Velaí en Padrón restos de castelos da Rocha Branca, ermidas, igrexas, mosteiros, solemnes pazos, quintas, casais, parroquias como Agro novo, Extramundi, Lamas, Pedreira, Vilar… lugares de Trabanca, Burdel, Morgadán, o paseo do Espolón, a praza do Fiado… Encrucillada propicia a celebrar feiras e festas como a de Pascua, especializada noutrora no gando cabalar e nas mulas, tan solicitadas polos arrieiros. Obrigada parada e fonda pola boa sona das súas casas de comidas. E tamén Locus amoenus pra escritores de todo tempo, Macías o namorado, Rosalía de Castro, Nicasio Pajares, Camilo José Cela… Padrón, ademáis e noutrora tivo sona polos ourives e a filigrana, tamén polo seu liño e lenzos, os curtidos…

No monte dedicado a Santiago e ao San Gregorio, sobranceiro sobre o barrio de Trabanca, érguese o paraxe de Santiaguiño do Monte, nas súas abas o convento do Carme, fundado por carmelitas chegados de Rianxo no 1739, terreos e horta cedidos pola Marquesa de Parga e que se alongan até Lestrove e que logo pasará aos dominicos. Paraxes ricos en mananciais e covas, por algo baixo a advocación do eremita cavernícola San Gregorio. Convento que na fachada ofrece escultura do artista noiés Felipe de Castro, no interior imaxes de Ferreiro…

Dende este monte, antigamente coñecido como do Burgo, óllase todo o Ullán, como noutrora era coñecida esta rexión do curso baixo do Ulla. E non cabe dúbida que dende a prehistoria era venerado altar, logo cristianizado, como tantos lugares, usando ao Apóstolo Santiago. Conxunto presidido pola ermida, na que se veneran as imaxes de Santiago, San Gregorio e San Sebastián e na que baixo o seu altar está a arqueta da fonte e que verte a carón da entrada principal, e da que Uxío Carré na Geografía de Galicia di “las paredes del interior están pintadas al fresco, con ornatos un tanto groseros de estilo romano o pompeyano”. A tradición conta que esta fonte brotou milagrosamente por iniciativa do Apóstolo ante a incredulidade dun xentil, onde tamén Santiago bautizou a Lupa, tal como campa sobre a porta da ermida.

Igrexa co seu pendello e o púlpito aberto ao campo da festa e baixo o que hai unha poza erosionada polo tempo e que os contos populares din ser a pegada do paso do Apóstolo. As lendas multiplícanse arredor das penedas que presiden o monte, con ocos e pasos entre elas, insculturadas de cruces, e que, a modo de altar, están presididas pola cruz e unha escultura do Apóstolo, xa que di a lenda era o lugar onde predicou, onde se defendeu dos xentís e couceando o seu cabalo moveu aquelas penedas… A tradición engade que os que pasen entre aqueles buracos curarán os seus males… Máis arriba outras pedras, que a tradición di ser “A cama do Apóstolo” e o “Escudo de Santiago”, en relación con cultos fecundativos pagáns.

Monte rico en pedra e augas que baixan á monumental Fonte das Dores, en Trabanca, con inscrición na que consta que foi edificada reinando Carlos III, no 1789. Construción repartida en tres corpos: no superior unha furna coa imaxe de Santiago bautizando á Raíña Lupa, abaixo a barca de pedra co corpo do Apóstolo amarrada ao Pedrón e entre os dous discípulos, e xa baixo o arco os canos, presidido pola imaxe da Virxe das Dores. Augas que unha inscrición confirma que se lle conceden indulxencias polo bispo de Sidonia aos que alí beban e recen a salve. Ao seu carón a ponte e o río Sar, onde a tradición e o Licenciado Molina na súa viaxe de 1550, di que alí estaba a peneda sobre a que os seus discípulos pousaron o corpo santo, lugar venerado polos peregrinos, arrancando reliquias, até desfacela… Baixo o altar da Igrexa de Santiago consérvase o Pedrón, ara romana sobre a que a tradición di amarrou a barca de pedra, con epígrafe a Neptuno, interesadamente retocada para apartala do paganismo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar