Vigo: O goberno municipal non aplica o IPC e conxela taxas e impostos

Anunciouno o alcalde tras ser aprobadas as ordenanzas fiscais. A non aplicación do IPC do 1,5% supón un aforro de 2,8 millóns para a cidadanía, explicou Caballero, quen engadiu que as motos de máis de 125cc verán rebaixado o seu imposto noutro 10%. A presión fiscal viguesa, a menor das urbes galegas, vese reducida nun 1,5% en termos reais. 

Abel Caballero anunciou que todas as taxas, prezos públicos e impostos municipais terán o mesmo custo no 2019 ao non aplicar o 1,5% do IPC que correspondería. Esta conxelación en termos nominais supón unha diminución do 1,5% en termos reais en Vigo, cidade que xa é a que ten menor presión fiscal de Galicia e entre as máis baixas de España, segundo manifestou o alcalde.

O goberno de Vigo non modificará no 2019 os importes do IBI, IAE, Construccións nin do imposto de circulación. É máis, o Concello rebaixará noutro 10% o imposto de circulación para as motocicletas de máis de 125cc, a cuarta rebaixa consecutiva para as motos, que abonarán o ano próximo un 40% menos que no 2015 neste concepto. A mesma conxelación aplicará o Concello á auga, lixo, ORA e expedición de documentos.

Abel Caballero cifrou en 2.830.000 euros a cantidade que aforra a cidadanía viguesa grazas á decisión municipal de non aplicar a suba do IPC no próximo ano. Ademais, o goberno vigués mantén as bonificacións fiscais que aplica aos vigueses e viguesas por importe de 7,3 millóns de euros. O alcalde recordou que ningunha taxa cubre o custe íntegro do servizo e citou os exemplos do lixo -bonificado ao 40% polo Concello- e das escolas infantís, municipais e servizos de deportes -bonificado de media no 80%-.

De cara ao ano que vén, o rexedor informou da modificación da exención do IBI, de tal forma que o Hospital Álvaro Cunqueiro pasará a pagar por ser de titularidade privada, segundo anotou Caballero, sobre 900.000 euros. Os centros sanitarios de atención primaria cun servizo prestado polo persoal público do SERGAS si están exentos do pago do IBI municipal.

Por último, o goberno vigués ofrece máis facilidades de pago de cara ao próximo ano. Amplíanse os supostos que se poden acoller ao sistema de “Conta Fácil 10”, fraccionando o pago en mensualidades, e tamén se amplía o prazo de pago -de tres a doce meses- dos aprazamentos ou fraccionamentos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar