Ourense:O Concello define as parcelas para a estación intermodal

O Concello de Ourense vén de definir os terreos municipais que se verán afectados pola primeira fase da Estación Intermodal (a estación de autobuses e o aparcadoiro soterrado). Trátase do paso previo necesario para axilizar a posta en marcha destas obras, que van supor unha inversión na nosa cidade superior aos 11 millóns de euros, así como “para a licitación da propia Intermodal”, segundo explicou o alcalde Jesús Vázquez.

O rexedor informou de que as obras ocuparán parte de dúas parcelas de titularidade municipal no barrio de A Ponte. O paso dado hoxe consistiu na aprobación da superficie que se verá afectada polas obras e que será cedida á Xunta, de modo que o resto seguirá en mans do Concello.

“Deste modo, o Concello dá resposta ao seu compromiso por axilizar ao máximo a cesión dos terreos, de xeito que o inicio das obras sexa unha realidade canto antes, sabendo que xa está feita a licitación e o Ministerio está axilizando os trámites”, confirmou Jesús Vázquez.

A zona afectada polas obras comprende dous terreos de titularidade municipal. Os técnicos de Patrimonio procederon a súa división para fixar a superficie que será cedida á Xunta para a posta en marcha das obras. Unha das parcelas foi segregada en dúas partes, mentres que a outra foi distribuída en tres partes. A Xunta percibirá unha parcela de cada un destes terreos divididos.

“A proposta é un paso necesario para que esta cesión se produza canto antes, e ratifica o compromiso deste Grupo de Goberno por impulsar a chegada desta infraestrutura chamada a ser un dos alicerces básicos que permitirán a gran transformación da nosa cidade”, dixo Vázquez.

A primeira fase da Estación Intermodal ten previsto comezar este verán coas obras da estación de buses, que foron licitadas o pasado 26 de febreiro pola Xunta por un importe de 4,2 millóns de euros e teñen previsto o seu remate no vindeiro verán.

A futura estación terá un total de 16 dársenas, das que 13 serán de operación e tres de regulación; e contará cun edificio central de 700 metros cadrados que albergará entre outros a consigna, oficinas, venda de billetes e zonas de estar.

Pola súa banda o aparcadoiro suporá un investimento de sete millóns de euros, dos que preto de catro millóns serán cofinanciados pola Xunta mentres que o resto correrá a cargo de Adif, que tamén se encargará da licitación e execución das obras.

“Trátase dun procedemento que está moi adiantado (por parte de Adif) para tratar de licitar canto antes ese párking”, explicou Jesús Vázquez.

Esta infraestrutura porá a disposición dos ourensáns un total de 302 prazas nunha das zonas con maior presión de tráfico da cidade. O aparcadoiro terá unha superficie total de 8.645 metros cadrados distribuídos en dous andares e incluirá dez estacionamentos adaptados para persoas con mobilidade reducida.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar