Concello de Ourense e Sogama amplian a compostaxe doméstica

O Concello de Ourense, co apoio de Sogama, amplía o seu programa de compostaxe doméstica cunha nova partida de 70 composteiros, que serán entregados na Agrupación Veciñal Miño, integrada á súa vez por diversas asociacións rurais. Previamente, xa foron outras as organizacións que puideron acceder a esta iniciativa, como é o caso da Parroquia Castro de Beiro, así como as Asociacións As Termas e As Laxas. Desta forma, suman 300 os composteiros subministrados por Sogama e repartidos polo ente local para responder ás demandas da veciñanza.

Os recipientes, con capacidade de entre 340 e 350 litros, e fabricados con materiais reciclados e reciclables, están destinados a vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo, é dicir, horta, xardín ou terra de cultivo, no que aplicar o compost resultante, un abono de alta calidade con magníficas propiedades para o solo, toda vez que lle aporta nutrientes e incrementa a súa resistencia fronte a enfermidades e pragas.

Con este programa, o obxectivo do Concello de Ourense é o de alcanzar importantes beneficios no ámbito da sostibilidade. Desde o punto de vista ambiental, porque ao completarse en orixe a reciclaxe da materia orgánica, diminúe a cantidade de residuos depositados no contedor verde convencional e, polo tanto, a frecuencia de recollida e transporte, coa conseguinte redución das emisións de CO2 á atmosfera. Tamén desde o social, porque se recupera unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando ou elaboración de compost.

Técnicos da Concellería de Medio Ambiente e de Sogama imparten estes días cursos de formación presencial nos locais de asociacións veciñais, nas que explican os pormenores da técnica: desde o emprazamento do composteiro até a relación de materiais que deben e non deben ser introducidos no mesmo, prestando atención ao control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, esenciais para obter un abono de calidade que cumpra coa normativa establecida e poida ser utilizado na agricultura sen restricións.

Máis información: www.compostaconsogama.gal

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar