Tellado: “Neste Congreso pode haber rivais, pero os inimigos están fóra do Partido Popular”

O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, declarou este venres en Madrid que “neste Congreso pode haber rivais, pero os inimigos están fóra do Partido Popular”. Así, subliñou que os populares a quen deben enfrontarse realmente é “aos socialistas, aos separatistas e a aqueles que queren destruír o noso modelo constitucional”.

Por este motivo, o número dous dos populares galegos reivindicou a necesidade de que deste conclave saia un partido máis unido e forte ca nunca e que esta cita sirva como “revulsivo” para a organización. “Hoxe temos dous candidatos, pero mañá temos que ter un presidente que sexa capaz de recuperar o goberno do Estado en dous anos”, afondou.

O PESO DA DELEGACIÓN GALEGA

Tellado tamén quixo lembrar a importancia da delegación galega, a cuarta en número de compromisarios con 327, o que supón algo máis dun 10% do total. Do mesmo xeito, incidiu en que Ana Pastor será a presidenta do conclave e o ferrolán José Manuel Rey Varela tamén estará na Mesa do mesmo.

“O PPdeG sempre está para sumar e para aportar”, resumiu o secretario xeral, e apuntou que o máis importante é que os delegados elixan libremente quen quere que sexa o seu presidente. “Somos unha organización democrática, polo que debemos respectar un valor fundamental en democracia como é a liberdade”, insistiu.

AGRADECEMENTO A MARIANO RAJOY

O secretario xeral fixo fincapé na gratitude que os populares deben ter co presidente saínte, Mariano Rajoy, un líder cuxa labor foi “tremendamente importante” durante os últimos anos tanto á fronte do Partido coma do Goberno Central. De feito, concluíu, “hoxe o Partido Popular sigue sendo o primeiro partido de España e, polo tanto, temos que recoñecer o seu traballo”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar