Dezaoito mozos cursan en Celanova o traballo no audiovisual galego

Os 18 mozos e mozas que están a participar no campo de traballo que se está a celebrar en Celanova adquirirán os coñecementos básicos para poder levar a cabo un audiovisual. Os voluntarios que toman parte nesta iniciativa dedicada ao audiovisual galego proveñen de Galicia, doutras comunidades autónomas, e de Francia, Grecia e Taiwán.

A delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou este campo e coñeceu de primeira man as actividades que se están a desenvolver no mesmo. O obxectivo é dar a coñecer aos mozos e mozas os diversos aspectos formativos do audiovisual: dende a redacción do guión ata, mesmo, os principios de interpretación, pasando loxicamente pola produción, a posprodución e a rodaxe dun anuncio publicitario para promocionar o rural galego.

Na provincia de Ourense este ano ofértanse un total de 1.025 prazas, para que mozos e mozas de entre 9 e 30 anos participen nas actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo da campaña de verán que, este ano baixo a lenda Vive a túa aventura, organiza a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

No que atinxe aos campos de traballo, ademais do de Celanova a provincia de Ourense contará nesta campaña con 4 campos de traballo de diferentes temáticas que ofertan un total de 100 prazas: medioambiental en Vilariño de Conso e Muíños; ambiental e etnográfico en Esgos; e social, cultural e animación turística na cidade.

Así mesmo, os rapaces e rapazas da nosa comunidade poderán asistir a campos de traballo noutros puntos de España e en países europeos como Francia Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Armenia Turquía; e incluso de fóra de Europa como Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwán, Nepal, India e México.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar