Comeza a rodaxe nos Ancares da película “Aquilo que arde”, de Oliver Laxe

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou no concello lucense de Navia de Suarna a rodaxe de Aquilo que arde, a nova película do realizador galego Oliver Laxe que conta cunha subvención da Xunta de Galicia de máis de 209.000 euros.

O titular de Cultura comprobou sobre o terreo as particularidades dos traballos de gravación desta película, na que o seu director, premio da Crítica do Festival de Cannes en 2016 e autor, entre outras, de fitas tan laureadas como Mimosas, quere achegar a súa visión dos lumes forestais mediante un dobre argumento. Dunha banda, contará a historia dun home que retorna ao seu pobo tras saír do cárcere acusado de incendiario e das tensións que se xeran cos seus veciños cando se produce un novo lume. Ademais, esta terceira longametraxe de Laxe centrarase nas dificultades que deben acometer os efectivos humanos incorporados á loita contra esta lacra.

As subvencións á produción e coprodución audiovisual de contido cultural galego que a Consellería de Cultura convoca cada ano a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha das principais canles de financiamento deste novo proxecto de Laxe, presentado pola produtora compostelá Miramemira e que resultou beneficiario das axudas concedidas en 2016 cun total de 209.109 euros. A idea da película xurdiu a partir dunha iniciativa do Máster en Documental de Creación da Universidad Pompeu Fabra de Barcelona, co que colabora Oliver Laxe.

O conselleiro, que estivo acompañado polo director da Agadic, Jacobo Sutil, compartiu impresións cos membros do equipo técnico e artístico desta produción, da que xa puideron verse unhas primeiras imaxes no pasado festival OUFF de Ourense, gravadas durante varios días de convivencia en 2017 coa brigada antiincendios do municipio ourensán de Toén.

Aquilo que arde está a gravarse integramente en galego e continuará a súa filmación durante todo o verán por varias localizacións da comarca dos Ancares e doutros puntos de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar