Ourense: O Taichi volve ao Posío na procura de hábitos saudables

O Taichi, arte milenaria chinesa, volve ao Xardín do Posío no mes de xullo. Será durante as dúas vindeiras semanas, do 16 ao 27 de xullo, de luns a venres en horario de 08:00 a 09:00 horas, con asistencia libre e de balde, sn límite de idade ou condición física. “Unha forma marabillosa de comezar o día coas pilas cargadas”, apuntaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación dos cursos, “pero tamén é unha escusa para que persoas moi diferentes rompan barreiras e melloren a súa comunicación”.

A actividade, que conta co apoio da Concellería de Deporte, aposta por dinamizar os hábitos de vida saudables, pero tamén estimular as relacións entre persoas de diferente idade, cultura ou educación. O Taichi está indicado para todas as idades, xa que adapta a súa intensidade a calquera idade e condición física.

Entre os beneficios desta disciplina, están os de relaxar mente e corpo eliminando tensións musculares ao tempo que fortalece, tonifica e conecta as cadeas musuculares de todo o corpo, segundo explica o mestre internacional na materia, José Gago. A través de diferentes técnicas de respiración e dun adestramento funcional, produce ademais unha mellora notable da postura corporal.

O Taichi está especialmente indicado para eliminar o estrés, tonificar os músculos do corpo, mellorar a capacidade funcional dos órganos, diminuir o risco de enfermidades cardiovasculares, fortalecer e equilibrar as zonas lumbares e abdominais, ou aumentar a densidade ósea para previr a osteoporose.

José Gago, mestre internacional con mais de 35 anos de experiencia no ensino e recoñecido polo Taichi College da Universidade de Handan, de China, será o encargado de impartir os cursos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar