En Marea ten dúbidas sobre os parques eólicos

En Marea insta á Xunta de Galicia a aprobar coa máxima urxencia as Directrices da Paisaxe e critica o inaceptable atraso que acumula a posta en marcha dunhas normas esenciais á hora de fixar un marco garantista que protexa o medio ambiente do expolio empresarial. A pesar de que a creación destas directrices xa se contemplaba na Lei da Paisaxe de 2008, continúan sen desenvolverse; nunha inaceptable mostra do desleixo do goberno galego coa protección dos recursos naturais; pero tamén de connivencia con proxectos eólicos ou mineiros, tramitados pola contra pola vía de urxencia e sen ter en conta o seu impacto.

“A demora das Directrices da Paisaxe é a coartada perfecta para que se aproben parques eólicos sen un marco esixente de protección da paisaxe e sen o nivel de esixencia maior ao que obrigarían” esas normas. Explícao o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, lembra que dende finais de 2017 atópanse en trámite 21 proxectos eólicos que afectarían a 30 concellos galegos.

A aprobación das Directrices da Paisaxe aportaría maiores garantías ambientais ante a implantación de proxectos en trámite que, polas súas características e sen o necesario control, xeran preocupación. Como o impulsado por unha empresa de capital saudí entre Ordes e Vilasantar. Un parque eólico que suporía a instalación de xeadores de máis de 150 metros de altura con aspas de 67 metros a tan só 500 metros de vivendas, “co que iso significa en termos de ruído, saúde, ou ocupación de superficie agraria para gandeiría”. Ou a instalación que se tramita en Laxe; “un parque eólico e unha liña de evacuación de alta tensión que será altamente visible en máis do 75% dunha zona considerada como un observatorio paisaxístico, e que afecta a tres comercas de alto valor paisaxístico”

As Directrices da Paisaxe, comprometidas polo propio Núñez Feijóo para 2017 (cando xa acumulaban, cabe destacar, un atraso de 9 anos) supoñen “unhas garantías que se foron co vento das eólicas. E para mostra as alegacións que no seu día fixeron Gas Natural Fenosa ou a Asociación Eólica Galega, que cargaban contra o borrador inicial desas directrices reclamando que non fosen retroactivas, e que non tivesen efecto nos terreos incluídos no Plan Sectoral Eólico de Galicia”.

Mentres as Directrices da Paisaxe continúan paralizadas, seguen adiante as tramitación de proxectos empresariais que, sen o debido control, poden ter un impacto altamente negativo no entorno. “Os trámites eólicos seguen adiante, todos axudados por unha Lei de Fomento de Iniciativas Empresarias, ou Lei de Depredación, que se aprobou en cambio en tan só tres meses. Unha lei feita cun trámite totalmente pirata para impedir un debate sosegado da sociedade e todas as forzas políticas”, explica Sánchez.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar