Pontevedra:O novo parque de Campolongo disporá dunha torre de tobogáns

A Mesa de Contratación propuxo esta mañá a adxudicación do proxecto do novo parque infantil de Campolongo a HPC Ibérica por 272.515,66 euros. O prezo de licitación era de 300.000 euros. O portavoz do Goberno, Raimundo González explicou que a obra poderá estar rematada a finais de ano, e o seu inicio dependerá do período estival, xa que nesta época as empresas provedoras soen pechar. De todos os xeitos, o prazo de execución da obra é de 3 meses.

O novo parque infantil sitúase entre o paseo cuberto do gafos, a Escola infantil Crespo Rivas e as piscinas municipais. Terá unha superficie de 930 metros cadrados, dividida en tres zonas diferenciadas:

    • Unha para nenos menores de 6 anos, que estará equipada con bambáns básicos de berce e inclusivos, un xogo combinado inclusivo como casiñas, tobogán ancho, mesas de texturas…; un carrusel deseño para poder entrar cunha cadeira de rodas, un trampolín; un xogo de muelle con dous postos (vis a vis); dous teléfonos que permiten aos nenos situarse a unha distancia de até 25 metros; e un sendeiro de texturas.
    • A segunda zona, pensada máis para a espera dos acompañantes dos nenos, tamén haberá unha mesa de tenis de mesa, e outras dúas con xogos fixos de parchís e xadrez. Nesta zona tamén haberá bancos e unha fonte.
    • A última zona, é a pensada para nenos maiores de 6 anos, onde haberá unha torreta de seis metros e medio de altura con distintos tobogáns, cestas, zonas de trepa; unha tirolina; bambáns planos, de cesta e inclusivos, e un xogo de trepa.

As obras deberán comezar co tratamento de toda a parcela na que se vai a actuar, na que haberá que formigonar para facer a base do parque, botar caucho e, finalmente, herba sintética.

O parque de Campolongo será, tal vez, o máis importante que teña a cidade. Foi unha decisión do Concello o de elixir este barrio para este novo equipamento infantil dado que é un dos barrios da cidade máis poboados e con maior poboación infantil, e só conta co parque do Cogomelo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar