O torneo “Oupen” trae a Ourense a os mellores tenistas de Galicia

O I torneo “Ourense Oupen”, que se celebra nas pistas do club Santo Domingo entre hoxe e o vindeiro sábado, 14 de xullo, trae a Ourense a figuras nacionais e aos mellores tenistas do ranking galego, “co obxectivo de unir a espectacularidade dos grandes xogadores co impulso para o deporte de base nesta modalidade deportiva”, afirmou hoxe o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación, que tivo lugar no Pazo Provincial.

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo xunto co Concello de Ourense e entidades privadas, “o que amosa a importancia que ten a nosa provincia nesta e noutras especialidades deportivas ao acoller numerosos campionatos de España e diferentes torneos que permiten promocionar Ourense no ámbito turístico e deportivo”, expresou Rosendo Fernández. Xunto ao vicepresidente, participaron no acto o vicepresidente da Federación Galega de Tenis, José Mosquera; o director do torneo, Javier de la Torre, e o coordinador do Consello Municipal de Deportes, Roberto Abad.

O torneo, que se disputa en horario de tarde nas pistas do club Santo Domingo con entrada libre, acolle desde hoxe ata o venres as fases previas (oitavos, cuartos e semifinal) e o sábado ás 18.30 horas, a final. Entre os participantes figuran os máis destacados xogadores galegos, como Jorge Hernando, Roberto Vázquez, Rodolfo Figueroa, e importantes figuras como Ricardo Villacorta e Alex de Miñaur, quen días pasados xogou contra Rafa Nadal no torneo de Wimbledon.

“Este torneo permitirá ver en Ourense tenis de alto nivel e tamén é un estímulo para os novos xogadores”, comentou José Mosquera, mentres que Javier de la Torre agradeceu a colaboración da Deputación e do Concello de Ourense e dos patrocinadores privados, “o que nos permite que estes días o mundo do tenis mira cara a Ourense”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar