Ourense:No segundo trimestre as denuncias de tráfico subiron un 44%

Entre abril e xuño de 2018, as denuncias instruídas en materia de tráfico incrementáronse un 44,78% respecto ao mesmo período do ano anterior “debido á aposta do Goberno municipal por incrementar a vixilancia e control por parte da Policía Local para mellorar a seguridade de peóns e a circulación en Ourense”. Así o confirmou o alcalde, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior a Xunta de Goberno Local, na que se deu conta dun informe emitido pola Policía Local sobre as actuacións no segundo trimestre de 2018.

Infraccións ao volante. O informe revela que no segundo trimestre de 2018 houbo un total de 3.320 infraccións á normativa de tráfico, 1.027 máis que no mesmo período de 2017 cando se produciron 2.293, o que supón un incremento do 44,78%. As máis numerosas foron por aparcar mal. Destas, 812 foron por aparcar en zona reservada a carga e descarga, fronte a 332 do mesmo período no pasado ano, o que supón un aumento do 144%.

Tamén destaca o aumento das infraccións por aparcar na beirarrúa ou demais zonas de uso peonil, que se incrementaron nun 21,62%, pasando de 370 a 450. O multamóbil tamén elevou o número de infraccións denunciadas neste período, que pasaron de 248 no segundo trimestre de 2018 a 663 neste ano. Un 67% máis.

Os datos do informe tamén revelan que neste segundo trimestre foron postos a disposición xudicial 57 condutores, e 115 no que vai de ano.

Consumo de drogas. En materia de consumo de alcohol e estupefacientes presentáronse 155 denuncias, das que 68 foron por superar a taxa de alcoholemia e 87 pola presenza de drogas no organismo: cocaína, cannabis, opiaceos, anfetaminas e meta anfetaminas, por esta orde, son as máis detectadas. Neste sentido, o alcalde destacou que “o perfil medio do condutor baixo os síntomas de consumo de drogas é o dun varón de 35 anos”.

Velocidade. O informe tamén revela que a grande maioría dos condutores (98,74%) respectaron os límites de velocidade nos controis realizados no centro urbano nas áreas de circulación a 50, 40 ou 30 quilómetros por hora. Neste sentido o rexedor confirmou que “o Concello de Ourense continuará incidindo nas campañas de concienciación, control e vixilancia para seguir mantendo e mellorando os ratios referidos á Seguridade Viaria na nosa cidade”.

Seguridade viaria. Así recordou actuacións coma a instalación dunha nova rede semafórica, a petición dos veciños, na intersección das rúas Quintián e río Návea (O Vinteún); e a colocación de sinalización horizontal e vertical nas zonas delimitadas a 30 km/h, na contorna dos colexios e parques. Tamén fixo referencia á “aposta” do Grupo de Goberno polo proxecto Móvete por Ourense “para poñer en marcha medidas e mecanismos que diminúan os accidentes nas rúas da cidade”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar