A pasada noite comezou en Galicia a campaña extractiva do polbo

A Consellería do Mar e o sector consensuaron un novo plan do polbo para este ano que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece este plan, dende hoxe e ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilogramos día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos día. No que resta de campaña a cota máxima será de 50 quilogramos por embarcación e día, cantidade á que se lle engaden 50 quilogramos/día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilogramos/día.

O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06:00 horas –aínda que poden saír do porto ás 05:00h- e finalizará ás 16:00 horas e o descanso semanal desenvolverase dende as 16:00 horas do venres ata as 6:00 horas do luns. O número de nasas permitido está en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados.

En canto ao réxime de calamento das nasas de Cabo Silleiro a Corrubedo os aparellos terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días coas seguintes excepcións: na zona de Cabo Silleiro a Con da Aguieira aquelas que estean establecidas en fondos superiores aos 25 metros poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal. Na zona de Con da Aguieira a Cabo Corrubedo ata o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levalas a porto todos os días. Desde esa data ata o inicio da veda do ano seguinte, as nasas poderán permanecer caladas incluso durante o período de descanso semanal. No resto do litoral galego, as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal.

A actividade será controlada a través do programa de seguimento e control, levado a cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías.

 

CENTOLO E LUBRIGANTE

 

Onte, domingo, abríuse a extracción da nécora e do lumbrigante en toda Galicia que permanecerá autorizada ata o vindeiro 31 de decembro, día incluído.

No caso da nécora, as medidas de xestión para a súa explotación desenvólvense nun plan experimental para a xestión desta especie e do camarón coa arte de nasa nécora e camarón. A vixencia deste plan é ata o 30 de xuño de 2019.

Nel establécese o número de nasas permitido segundo o tamaño da embarcación e o número de tripulantes enrolados e a bordo. Ademais especifica que o horario de lance de nasa nécora e camarón será nocturno con excepcións na ría de Arousa e de Vigo nas que o calamento tamén poderá ser diúrno.

Unha vez cumprido o horario de traballo, deberán ser levadas a porto diariamente. A veda da nécora para o ano 2019 estableceranse no correspondente plan xeral de explotación marisqueira dese ano.

 

 

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar