Os cento un mil do PPdeG

Preocupoume o meu amigo Manolo cando me dixo que o tiñan que operar do corazón. Estou afeito a non ir polo dereito na conversa para que o meu interlocutor fale se quere falar. Así que lle dixen, aínda han de tardar en chamarte. El contestoume todo seguro, non, home, non, como son afiliado ao PP, vanme chamar axiña

Nas seguintes eleccións municipais, o Manolo trocou de candidatura e non se presentou polo PP. Ao pouco tempo, diagnosticáronlle que era preciso unha nova cirurxía. Comentoumo botando un grolo.

Lembrábame eu daquela outra conversa, así que gargallei con el: agora si que vas ter que agardar, xa non es do PP…

-Hai non, home. Eso é o que ti pensas. Eu aínda sigo afiliado ao PP, e o meu fillo, polo que poida pasar…

O do meu amigo Manolo é un caso esclarecedor sobre a afiliación do PPdeG. Hai afiliados ao PP que non están no PP. Hai militantes doutros partidos que tamén teñen acreditación do PP. Hai afiliados ao PP que non saben que son do PP… Hainos que levan o carné do PP na carteira, por se lles fai falta, como poden levar tamén a postal da Virxe do Faro… E eu lémbrome dos miles de carnés que repartía daquelas Xosé Cuíña nas festas do PPdeG, coa súa bandeira galega e os seus militantes que chegaban até “os límites da autodeterminación”. Moitos, algúns mortos incluídos, nunca foron dados de baixa.

Só así se entende que os cento e un mil militantes que ten censados o PP en Galiza, se queden unicamente en 4.222 cando se trata de votar nas próximas eleccións internas. Un 4,22 %, que contrasta co 7,2 % do resto do estado, cando o PPdeG sempre fachendeou de ser cerne e estandarte. Ou cos 1.897 cargos, entre edís, parlamentarios, congresistas e senadores. E se lle engadimos funcionarios do partido, asesores e cargos de confianza, e lle sumamos os familiares, e fan a xeito as contas, daranlles máis ou menos o número de inscritos. Aínda así, non dan chegado ao número de candidatos que presentan nas eleccións municipais.

Que o PPdeG ten tamén u­nha afiliación en B…?

O PPdeG non é un partido ao uso. Herdou as estruturas do vello caciquismo e non era, até de agora, un partido de afiliación individual estrictu senso, non lle cumpría, senón que cada cacique ou responsábel de zona ten os seus propios militantes, con carné do PPdG, aos que lles paga as cotas, activa ou desactiva segundo as necesidades. Mesmo os move dun a outro partido, se fai falta, sen perder a cualidade de militantes do PP. Segundo as necesidades van votar as asembleas ou non; aparecen nas festas e congresos; traballan ou paspan nas eleccións… O PPdG era así, o Movimiento Nacional reencarnado.

…E os afiliados-votantes da caixa B, se os precisase Feixó, vaia se aparecían!

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de “El Correo Gallego”

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar