O BNG demanda unha “Galicia nación”

O BNG conmemorou o 82 aniversario da aprobación do Estatuto do 36 cun acto simbólico diante da Imprenta Nós, que dirixira Anxel Casal na compostelá rúa do Villar, acto que a formación nacionalista aproveitou para reclamar un novo status político para Galicia que a recoñeza como nación con capacidade real para decidir en todos os aspectos claves para o país.

Igual que o Partido Galeguista levou a dirección política do proceso estatutario fai oito décadas, agora corresponde ao BNG, herdeiro desa tradición, impulsar ese cambio.

 

“Esa é tamén a responsabilidade que ten o nacionalismo galego:  Levar o impulso político e social dun proceso que nos permita acadar un novo status político para Galicia nos vindeiros anos, que nos recoñeza como nación con capacidade para decidir sobre aspectos clave da nosa sociedade, é dicir, que nos dote de novas ferramentas para mellorar a vida da xente. Un proceso que teña como único límite a soberanía política que alcancen Euskadi e Catalunya, nin un chanzo menos”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.

Unha responsabilidade que non é “doada”, como tampouco o foi no seu día para o PG, “pero está nas nosas mans coller o futuro do país con ilusión e crear confianza nas posibilidades de Galicia”, recalcou, tras animar  “a confiar en nós mesmas e defender un novo marco político que nos permita vivir mellor, ter máis benestar, desenvolver a nosa lingua e cultura e dialogar en pé de igualdade co resto do mundo”.

Estatuto 1936Na súa intervención, Pontón enumerou algunhas das cuestións de país nas que “unha Galicia soberana podería decidir a favor da maioría social”. Capacidade de decidir, enfatizou, “para acabar co espolio enerxético e converter a electricidade nun servizo público, para poñer fin a ese centralismo de amiguetes que alimenta a corrupción”.

Pontón tamén salientou que unha Galiciaa soberana podería construír “unha xustiza digna de tal nome, e non a xustiza española que encadea a políticos cataláns, mentres deixa na rúa a esa manada condenada por violación”, denunciou, ao tempo que felicitaba ao Concello de Pontevedra pola iniciativa de declarar persoas non gratas as acusadas que, avanzou, o BNG trasladará ao Parlamento.

A dirixente do Bloque concluíu facendo un chamamento “as todas as persoas que queren igualdade real, que queren un modelo económico sustentábel, que traballan por unha economía ao servizo das persoas, todas esas persoas teñen no BNG a súa alternativa.  Porque o nacionalismo é o punto de conexión necesario para construír unha Galicia xusta e igualitaria”.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar