O Carballiño: Mil participantes previstos na “Convivencia familiar de personas con discapacidade”

 Preto de mil participantes dunha vintena de entidades de Galicia agárdanse este ano na “22ª edición da Convivencia familiar de persoas con discapacidade intelectual”, que se celebrará o vindeiro domingo, 1 de xullo, no Parque Municipal do Carballiño. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; a directora e un usuario de ASPADISI, Rita Freigenedo e José Antonio Rodríguez; e o alcalde e a concelleira de Servizos Sociais do Carballiño, Francisco Fumega e Marina Ortega.

A Deputación de Ourense colabora con estas xornadas que teñen como obxectivo “fomentar a participación das persoas con discapacidade intelectual, así como das súas familias, profesionais, voluntarios e directivos, nun entorno de convivencia, confraternidade e intercambio de experiencias”, explicou Rosendo Fernández, quen engadiu que esta iniciativa tamén pretende “facer visibles ante a sociedade os dereitos das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias”.

O presidente de Special Olympics Galicia explicou que esta actividade comezou a desenvolverse en 1996 da man do movemento asociativo de FADEMGA, e no ano 2000, cando Special Olympics Galicia se constitúe como asociación asume a organización de cada edición desta Convivencia. A xornada dará comezo ás 11.00 horas co acto inaugural e coa entrega das medallas Special Olympics Galicia. Entre as actividades previstas atópase o tradicional concurso de repostaría, no que participarán persoas con discapacidade intelectual das diferentes entidades que acudirán ao acto.

José Antonio Rodríguez explicou que nesta xornada ASPADISI “realiza os preto de 1.000 agasallos que se lle entregan aos participantes”. Nese senso, a concelleira de Servizos Sociais do Carballiño sinalou que “á sociedade non é consciente das moitas capacidades que teñen, e que pretendemos visibilizar neste tipo de actividades”, mentres que, o alcalde do Carballiño agradeceu á Deputación de Ourense e á Xunta de Galicia “a aposta que de xeito continuo fan pola nosa vila”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar