Baltar defende no “Partenalia” de Salamanca un reparto equilibrado dos fondos europeos

O presidente da Deputación de Ourense e da asociación europea de gobernos provinciais “Partenalia”, Manuel Baltar, pediu na Comisión de deputacións, cabildos e concellos insulares da FEMP, celebrada en Salamanca, un “reparto equilibrado” dos fondos europeos para as provincias, “co obxectivo de acadar máis eficiencia e practicidade na realidade local, para que os investimentos de Europa cheguen con máis celeridade e os cidadáns vexan as consecuencias positivas que teñen nos seus servizos máis próximos e nas infraestruturas dos municipios e territorios provinciais.”

Baltar defendeu neste cumio de gobernos provinciais “a capacidade administrativa demostrada das provincias para xestionar e distribuír adecuadamente os fondos europeos”, e solicitou “un reparto e asignación igualitarios para todas as provincias, sexan capitalidade rexional ou non”. “A política de Cohesión máis aló de 2020 supón unha oportunidade inmellorable para que as provincias aumenten o seu potencial económico e a súa capacidade de xestión de fondos estruturais, o que significa avanzar firmemente na mellora de servizos e capacidades de desenvolvemento territorial no ámbito local”, expresou o presidente Baltar.

Asemade, referiuse á importancia “de comunicar ben” e de “simplificar procedementos”, afirmando que os veciños “teñen que ver, coñecer e ser partícipes de todo o que Europa fai polas melloras sociais dos municipios e provincias”, dixo, demando un maior incremento na eficiencia da xestión dos fondos europeos, tendo en conta a capacidade administrativa dos gobernos locais intermedios.

“Proximidade aos cidadáns, igualdade territorial, promoción de oportunidades e unha xestión integrada dos fondos son as bases de como debe construírse a Europa do presente e do futuro, para que este proxecto común de millóns de persoas sexa un gran exemplo de solidariedade territorial e progreso social”, afirmou Manuel Baltar.

Particularidade provincial

O presidente da Deputación de Ourense remarcou no encontro de gobernos provinciais que o obxectivo é “afianzar o papel das autoridades locais intermedias como xestoras directas dos fondos europeos estruturais”, no marco da Política de Cohesión, e expresou que unha eficiencia óptima da xestión dos fondos para adaptalos á realidade local “pasa por ter en conta os criterios específicos vinculados ás necesidades e particularidades provinciais no próximo mecanismo de asignación”, afirmando neste punto o papel da rede europea “Partenalia”, que preside, “a cal avoga por un enfoque diferente e específico, e fai fincapé en que as grandes diferencias non só existen entre os estados membros da UE, senón tamén entre rexións e mesmo entre provincias dunha mesma rexión. De aí a importante de ter en conta as singularidades dos territorios”, subliñou Manuel Baltar.

Baltar amosouse convencido de que a capacidade de xestión administrativa demostrada polas provincias “permítelles estar en boa disposición para que os fondos europeos acaden de maneira máis eficiente á realidade social e ás empresas e organismos locais que máis o necesitan”, xustificando este argumento en que os gobernos locais intermedios, grazas ao seu contacto diario cos municipios e ao coñecemento da realidade económica local, “son as entidades que maior coñecemento teñen do territorio, dispoñendo dunha visión equilibrada entre as perspectivas máis locais e as globais”.

Centros Europe Direct

Manuel Baltar afirmou que todo isto pasa pola excelencia na comunicación “para os habitantes dos nosos territorios integren a idea de que Europa axuda, colabora e coopera para construír a realidade social que temos máis próxima a nós”. Neste sentido, defendeu que os esforzos en comunicación das deputacións “sigan dirixíndose a potenciar a relación entre a Unión Europea e a cidadanía, para o cal seguirá promovendo desde Partenalia que cada vez máis gobernos provinciais sexan centros “Europe Direct”, unha rede europea de centros de información que axudan a entender aos cidadáns que é Europa e como lles beneficia, promovendo unha poboación máis activa, informada e concienciada sobre a realidade europea.

Precisamente, esta liña de comunicación aberta e directa que Manuel Baltar desenvolve na Deputación de Ourense a prol dunha maior interactividade cidadá coa administración provincial, é a que quere potenciar en Partenalia. Días pasados, en Bruxelas, Baltar ultimou o Plan 2018 desta rede europea de cooperación territorial, que terá na política de cohesión, no financiamento, na innovación na xestión, no despoboamento e no medio ambiente, os temas que formarán parte do eixe de actuación de Partenalia.

Baltar volveu reivindicar hoxe en Salamanca “o protagonismo gañado a pulso dos gobernos provinciais de Europa”. “A xestión directa dos fondos europeos –dixo- ten que ser, máis que unha consecuencia polo excelente labor que realizan as provincias, unha razón de xustiza social e económica para cos nosos territorios”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar