A Radio Galega amplía este veran a aposta pola información de proximidade

A Radio Galega estrea este luns temporada de verán, en que a emisora pública aposta pola información de proximidade, con novos formatos, coma a fiestra local que abre o programa “Galicia por Diante”, con reportaxes en directo desde as grandes cidades e as súas áreas de influencia. O gran magazine das mañás, que mantén o seu horario habitual, incorpora tamén un bloque específico de ámbito local, ás 07.50 h., con toda a información municipal e comarcal.

Ás 12.00 h. chegará cada día “Fondos Reservados”, o espazo musical de verán dirixido por Moncho Lemos. Trátase dun formato consolidado nos estíos da Radio Galega, que vertebrará tamén as noitiñas, de 21.00 a 23.00 h.

O “Aquí Galicia” tamén se tingue de verán con entrevistas de actualidade e temas propios desta estación. No último tramo, de 13.45 a 14.00 h., será tamén referencia a información local, con todas as novidades das cidades, das comarcas e das súas áreas de influencia.

Xa na sobremesa, o “Diario Cultural” mantén o seu horario e o programa “A Tarde” durará tres horas, ata as 19.00 h., con entrevistas, reportaxes e colaboracións de persoas expertas en diversas materias. A última hora do magazine estará marcada pola temática social, baixo a fórmula “Convivir”, que entrará en antena o 2 de xullo.

A hora previa a “A Crónica” será musical. Cada día da semana ofrecerase un programa diferente especializado nun xénero musical: “Lume na Palleira”, “O Lobo Urbano”, “Tres Peixes Voando”, “Deriva Atlántica” e “Notas de Jazz”.

Durante este verán, as madrugadas da Radio Galega artéllanse cunha dobre fórmula para a audiencia. De domingo a xoves emitirase “Pensando en Ti, espazo de interacción coa audiencia líder en Galicia, mentres que os venres e sábados adquiren un ton festivo con catro horas dos “Fondos Reservados” de Moncho Lemos, coas músicas de sempre.

Na fin de semana, o “Somos Quen” cambia de horario, de 10.00 a 14.00 h., e combinará as entrevistas e reportaxes cos concursos de verán e as colaboracións de expertos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar