Feixóo quere ser presidente

O tren que levaba tanto tempo agardando Núñez Feixó chegou ateigado camiño de Madrid, pero na vez de dirixirse cara a Moncloa, paraba na rúa Xénova.

Así que o presidente do PPdG decidiu non subirse a el e agardar. Agardar ao ano 2020. Algúns afirman que un tren así só pasa unha vez na vida. Pero o político dos Peares, nacido a beira da ponte do tren, sabe, que aínda en Galiza, o tren pasa cando lle cadra.

Feixó decidiu non coller ese tren que o levaría a unha batalla interna, non só no interior do seu partido, senón tamén no proceloso mundo da dereita madrileña e dos seus redutos de poder, sobre todo empresariais, coas súas redes propias de información, almacéns de cartafoles e loitas descarnadas de intereses.

Feixó sabe que, aínda no fragor desas liortas, podería ser electo presidente do PP. Podería… Ou non.

Moi distinto tería sido se el fose o único candidato. Un candidato aclamado ao que, na vez de ter que coller o tren para Madrid, viñesen a súa procura os ilustres que comandan a sociedade de intereses do PP e, tamén, a cúpula empresarial española, sobre todo a bancaria.

Precisamente esa cúpula bancaria que desterrara a Fraga Iribarne a Galiza en conivencia con Felipe González, non lle perdoa a Feixó a fusión da caixas galegas e que logo llas entregase aos seus amigos venezolanos, e non o queren en Madrid. Porque non é dos seus, porque non se fían.

Demasiados riscos nesa batalla que, aínda podendo gañala, chegaría as eleccións xerais do ano 2020 deixando moitos pelos na gateira antes de poder competir con Pedro Sánchez. Non hai que esquecer que o PP ten que afrontar aínda casos e casos de corrupción e Feixó non só debería dar explicacións, senón tomar determinacións e ir colectando perigosos inimigos internos.

Matinou que lle é moito mellor agardar e que sexan outros os que bailen o Chacachá do tren… A política da moitas voltas, ollen para Pedro Sánchez. E poida que el, sen ser o presidente do PP, sexa chamado a ser o candidato a presidencia no 2020. Casado xa lle mandou un recado, polo si ou polo non.

O que non acredito foi nas explicación que deu o presidente do PPdG. Non acredito nin nese “contrato con Galiza”, nin no seu compromiso coa Nosa Terra… E moito menos aínda na palabra dada… Tantas veces cuspiu nas mans logo de chocalas, que o seu relato enchería todo o espazo do que dispoño.

E hai outras tres razóns: se o compromiso era con Galiza porque gastou tanto diñeiro e tempo en postularse en Madrid! Se o compromiso era con Galiza porque agardou tanto para anunciar que non se presentaba! Se o compromiso era con Galiza, porque derramou bágoas!

Non, Feixó non quere ir para Xénova, senón para a Moncloa.

 

 

Afonso. Eiré é xornalista e colaborador habitual de Él Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar