Tellado pide a Sánchez que non aplique o “no es no” á reforma do sistema de financiamento

 

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, pediu a Pedro Sánchez que non aplique o “no es no” á reforma do sistema de financiamento, como tamén está facendo ao renunciar a reformar o sistema de pensións, malia que, segundo dixera con anterioridade, tratábase de cuestións urxentes para o país.

Segundo afirmou, “isto demóstranos que Pedro Sánchez só tiña interese en chegar ao poder pero non tiña ningún interese en gobernar, así que se ten pensado deixar pasar os meses sen facer nada relevante, quizá vaia tendo que reconsiderar a súa decisión de esgotar a lexislatura”.  

Como lembrou Tellado, hai unhas semanas o PPdeG presentou un decálogo de compromisos que lle esixiría ao Goberno de Sánchez -os mesmos que se demandaron ao Executivo de Mariano Rajoy-, pero esta semana os socialistas xa advertiron de que ían incumprir polo menos dous destes dez puntos: a reforma do modelo de financiamento e os prazos da chegada do AVE.

No tocante ao sistema de financiamento autonómico, recordou que desde Galicia tense expresado en numerosas ocasións a necesidade de acometer a súa reforma con urxencia, acadando incluso un pacto con outras Comunidades de diferentes cores políticas cos criterios básicos que entenden que debe contemplar o novo modelo, fundamentalmente a importancia do custo efectivo na prestación dos servizos. Neste sentido, Tellado avanzou que os populares galegos seguirán explorando alianzas e defendendo un modelo xusto, “que é un obxectivo que seguro que comparten moitos baróns socialistas aos que tampouco lles gusta esta postura de Sánchez”.

“Levamos semanas preguntándonos que prezo vai pagar Pedro Sánchez polo apoio dos independentistas á moción de censura que o levou á Moncloa”, remarcou antes de recoñecer que agardan que ese prezo non sexa un novo sistema á medida de Cataluña, coma o que no seu día deixou Zapatero, nin que faga pasar a súa estabilidade parlamentaria por un acordo que agravie a Galicia, “porque ante iso non imos quedar calados”.

Sobre o AVE, Tellado admitiu que non é unha novidade a falta de sensibilidade dos socialistas coas infraestruturas básicas para a nosa Comunidade e lamentou que pasásemos de ter un ministro do PP comprometido coa execución das inversións, coa data establecida e que viña supervisar periodicamente as obras, para agora ter “un ministro cuxo primeiro anuncio é a posibilidade de retrasar a finalización das obras e que non se atreve nin a manter os compromisos xa adquiridos”.

Ademais, manifestou que, de confirmarse este retraso, “os socialistas perpetrarían a enésima traizón e a enésima mentira aos galegos, desde que aquel ministro de Transportes de Felipe González chamado Abel Caballero comprometese a chegada da Alta Velocidade a Galicia para o ano 1993”.

 

 

 

CONGRESO PP DE PONTEVEDRA

 

Por outra banda, o secretario xeral referiuse ao Congreso local do PP de Pontevedra que se celebrará o vindeiro fin de semana, “unha cita que demostra que a nosa organización non para, e que continúa co seu constante proceso de renovación interna”.

Tal e como recoñeceu, Pontevedra merece “algo mellor do que ten hoxe”. Nese senso, explicou que esta cidade precisa un concello que aposte pola creación de emprego e o crecemento, polo rigor na xestión e que represente á maioría da sociedade; en lugar de un que opte polo peche de empresas, polo sectarismo e por un nacionalismo “cada vez máis minoritario e illado en Galicia”, como ocorre na actualidade.

Segundo Tellado, no PPdeG consideran o conclave como unha oportunidade para darlle un novo impulso ao partido e reforzar os equipos, para sumar xente nova e abrir o partido á sociedade pontevedresa, e para construír un novo proxecto que ilusione á cidade, fronte ao proxecto esgotado do nacionalismo de Fernández Lores.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar