O presidente da Cooperativa Viña Costeira recibirá o recoñecemento o próximo martes

 

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro decidiu outorgar o seu Premio “Vida entre Vides” a Manuel García Montero, presidente de honra da Cooperativa Vitivinícola Viña Costeira, que recibirá unha homenaxe na Gala de Premios que se celebrará o vindeiro martes, 26 de xuño, no Mosteiro de San Clodio (Leiro).

Manuel García Montero (Cenlle, 1937) estivo vinculado durante toda a súa vida á comarca do Ribeiro, combinando o traballo familiar nas viñas coa súa profesión de mestre e de alcalde de Cenlle (1969-2011). Da man de Eulogio Gómez Franqueira, foi un dos promotores activos da fundación da Cooperativa Virxe do Cristal de Ribadavia, traballando para construír desde a base toda a masa social de viticultores que logo conformarían esa entidade fundada en 1967.

Socio fundador, en representación da súa familia, da Cooperativa Vitivinícola Pazo do Ribeiro, entidade que nace como produto da fusión da Cooperativa San Pedro de Leiro e a Cooperativa Virxe do Cristal de Ribadavia, Antonio García Montero formará parte activa dun momento decisivo de reconversión da viticultura deste territorio, centrados en recuperar variedades históricas e autóctonas como a Loureira, Godello, Albariño e Treixadura así como pola introdución da tecnoloxía no traballo da viña e da adega. “A chegada das cooperativas supuxo un cambio fundamental non só pola reconversión do viñedo se non pola creación de viñas comunitarias e pola ampliación da comercialización nacional e internacional, apostando pola venda de viño embotellado en detrimento do granel”, explica García Montero.

A partir da creación da Cooperativa Vitivinícola Pazo do Ribeiro en 1968, actualmente coñecida como Viña Costeira, compaxina labores políticos coa viña e o desenvolvemento de distintos cargos de responsabilidade na Cooperativa destacando a súa participación como membro da Xunta Reitora. Foi presidente da Cooperativa durante máis de vinte anos e desde 2015 ostenta a súa presidencia de honra.

Recoñecemento aos viticultores
Coa entrega do Premio “Vida entre Vides”, García Montero converterase na terceira persoa que recibe este recoñecemento, despois do viticultor Avelino Lorenzo e o responsable da adega Vilerma, Arsenio Paz, que recibiron esta distinción en 2016 e 2017, respectivamente.

Unha distinción creada para servir de homenaxe e recoñecemento ao traballo de toda unha vida aos viticultores e adegueiros da D.O .Ribeiro que co seu esforzo e dedicación foron pioneiros na modernización e avance desta denominación de orixe, a máis antiga de Galicia.

No transcurso do evento entregaranse, ademais, os galardóns de Personaxe de Honra; Muller e Viño; Mellor Tarefa de Comunicación así como os de Mellor viño branco adega; Mellor viño branco colleiteiro; Mellor viño tinto; Mellor servizo de viño en restaurante; Mellor tenda especializada – vinoteca e Mellor taberna – bar de viños.

Sobre a Denominación de Orixe Ribeiro
A Denominación de Orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia  e unha das máis antigas de España.  Actualmente confórmana 115 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense.

Cunha extensión de 2.232 hectáreas de viñedo situados nos municipios de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín, Ribadavia, San Amaro e Toén, a Denominación de Orixe ocupa un territorio de gran diversidade vitivinícola onde traballan uns 5.800 viticultores.

A D.O. Ribeiro produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao, así como o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do século XIX.

A produción da colleita 2017 na Denominación de Orixe foi de 9,5 millóns de quilos de uva. O 92% da produción total é viño branco e o 8%, viño tinto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar