Exposición “Sombra natural”, do pintor Juan Carlos Román

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolle unha nova mostra de pintura nas súas instalacións, “Sombra natural”, do artista Juan Carlos Román. A exposición foi presentada polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do Centro Cultural, Francisco González; o comisario da mostra, Ángel Cerviño; e o propio artista.

O vicepresidente da Deputación de Ourense explicou que a mostra exposta no Centro Cultural é “unha selección dos últimos quince anos na produción do artista Juan Carlos Román” e que presenta “unha montaxe distinta á habitual”. Neste mesmo senso, o comisario da mostra explicou que a aposta por esta montaxe “é idea do propio artista e responde á intención de recrear eses grandes museos como o Louvre, cunha mostra na que o pintor rende homenaxe á gran pintura española de tódolos tempos”.

Francisco González destacou a “satisfacción de poder acoller neste centro traballos relevantes da plástica ourensana, galega e nacional”. “Sombra natural” pretende facer un retrato imaxinario español, nela amósanse pinturas, debuxos e colaxes que definen o carácter discursivo do artista, onde mantén ese carácter crítico, irónica e ás veces, incisivo nas súas imaxes e pensamentos. Así, o comisario da mostra lembra que a obra de Juan Carlos Román “hai que pasala polo filtro da ironía, da retranca”, mentres que, o artista destacou que con esta mostra pretende demostrar que “ser un pintor figurativo implica unha carga relixiosa e ética”.

A mostra, que será inaugurada mañá venres ás 20.00 horas, poderá visitarse ata o día 15 de agosto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar