Cinco millóns de obra pública en Pontevedra

 

O Concello de Pontevedra está a executar, neste momento, máis de 5 millóns de euros de obra pública. Os concelleiros responsables de obras e espazos públicos, Demetrio Gómez e Alberto Oubiña, deron conta dos traballos que están en marcha en distintos puntos do concello, tanto no ámbito urbano como no rural: a reforma de Fernando Olmedo e A Seca, os campos de fútbol, as obras do pavillón Municipal, a mellora da mobilidade nos centros escolares ou as rozas, son un exemplo de todos estes proxectos.

    • A reforma das confluencias das rúas Pai Fernando Olmedo con Casimiro Gómez e Camiño Vello de Castela e a reforma da rúa da Seca ten un orzamento de  289.460 euros e vai a bo ritmo. Xa están pavimentados os espazos peonís e está previsto que o primeiro tramo estea rematado no prazo dun mes. Ademais, a reforma da rúa da Seca comezará de inmediato, polo que unha vez que estean colocados todos os bordillos das beirarrúas, poderase asfaltar toda a vía xunta, xa que a obra a executa a mesma empresa: E.C.Casas.
    • A reforma de Virxe do Camiño ten un orzamento de 1.146.785 euros. Os traballos comezaron pola rúa José Casal e xa están á altura do Hospital Virxe do Camiño e seguen o plan de accesibilidade que presentou a empresa. Primeiro se executa unha beirarrúa e logo pásase á seguinte, para evitar dificultades aos peóns.
    • A obra de Matos da Trepa, na parroquia de Lourizán -o tramo que une a Carballeira co Regueiriño- está rematada, so pendente da certificación dos técnicos municipais. Con esta última obra, queda totalmente rehabilitada a conexión principal da parroquia de Lourizán. Fíxose unha actuación plurianual con fortes investimentos durante os últimos anos superando o 1,2 millóns de euros.
    • As actuacións de mellora da accesibilidade nos centros escolares tamén están rematadas. Na Carballeira, Lérez e Salcedo onde houbo un investimento de máis de 300.000 euros.
    • Tamén se están facendo obras de sostenemento no rural cun contrato de 250.000 euros e tamén de sostenemento da zona urbana con outros 250.000 euros e no que se incluirá a reforma do pano central da rúa da Oliva. Sobre esta actuación, o Concello acordou xunto aos comerciantes da rúa pospoñer as obras até setembro para evitar que coincidan coas rebaixas e as festas.
    • Tamén no rural se executa o núcleo de centralidade de Cerponzóns por 161.424 euros que xa está asfaltado e está pendente de remates.
    • O Campo de Cerponzóns tamén está listo, aínda que queda a instalación de vinilos nos vestiarios para evitar que se vexa dende o exterior. o orzamento é de 864.972,38 euros.
    • A construción do novo campo de Santa María de Xeve comezou coa explanación e están en fase de replanteo do edificio dos vestiarios. O orzamento é de 859.953,23 euros.
    • Estase rematando o último vestiario do proxecto de acondicionamento da nave municipal de Campañó (sede dos servizos operativos municipais). Ten un orzamento de 179.910 euros.
    • O Concello tamén executa a obra de accesibilidade no Pavillón Municipal, que avanzou lentamente no proceso de apertura do oco para a instalación do novo ascensor para respectar a estrutura do pavillón. Unha vez feito, está previsto que a obra avance a bo ritmo. A obra ten un orzamento de 169.104,03 euros.
    • En dúas semanas remata a instalación da nova iluminación da parroquia da Canicouva cun orzamento de 195.415 euros.
    • Unha obra menor é a “gaiola” habilitada no garaxe do Centro Sur para servir de espazo para gardar as bicicletas das entidades integradas no proxecto Rodando.

No que as praias e parques e xardíns respecta, o concelleiro Alberto Oubiña informou á Comisión de Mobilidade que o operativo das praias fluviais estará en marcha dende esta fin de semana. O servizo de socorrismo estará operativo toda a semana na praia fluvial do Lérez e nas fins de semana e festivos en Ponte Sampaio. As praias están acondicionadas con traballos previos nos que o Concello fixo un investimento duns 70.000 euros para achegas de area, limpeza de algas, colocación de boias, reforma das casetas de servizos… Ao que hai que sumar o investimento que se realizou a finais do pasado ano para a restauración ambiental da praia fluvial do Lérez.

Ao respecto dos parques e xardíns, acondicionouse o espazo verde do Camiño Vello de Castela, así como rotondas ao longo de José Malvar e Doce de Novembro. Proximamente executarase a rotonda entre a rúa Teixoeira e Eduardo Pondal.

En execución está a praza de Galicia así como as rotondas coa praza da Liberdade e Augusto García Sánchez.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar