Ourense: VII Festival Internacional da Canción Popular

A sétima edición do Festival Internacional da Canción Popular, enmarcado dentro da actividade do IGF (International Union of Folklore Associations) no IGF Caravan 2018, reunirá a grupos de sete países do 21 ao 24 de xuño. A presentación desta iniciativa musical tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do Festival, José Antonio Viñas; e o director comercial de Caldaria, Rafael Luaña.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa cultural que conxuga “música e canto tradicional, sendo un festival especializado no ámbito do Folclore e único destas características que se desenvolve en España, cun marcado carácter universal e socializador entre os participantes e os asistentes”, explicou Rosendo Fernández, mentres que, Rafael Luana, quen felicitou a Agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos pola súa traxectoria, sinalou que a política de Caldaria é continuar a apoiar “as accións vencelladas á cultura”.

Pola súa parte, José Antonio Viñas dixo que este evento cultural permitirá que tódolos artistas, dos sete países, “leven un coñecemento da nosa provincia e da cidade, tanto desde o punto de vista do patrimonio, como do termalismo, pois somos unha das provincias con máis fluxo de auga termal de Europa”. Así mesmo, agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e do Grupo Caldaria para poder desenvolver esta iniciativa que conta cun programa, nesta sétima edición, “onde o tema termal ten unha relevancia vital, porque entendemos que a música unida coa auga calda, forman un conxunto vital para o desenvolvemento da nosa provincia e deste evento”, explicou o director do Festival.

En canto á programación, na que actuarán grupos de Israel, Italia, Bulgaria, Romanía, Portugal, Serbia e España, dará comezo o día 21 de xuño, no Balneario de Arnoia, ás 21.00 horas e continuará ao día seguinte na Praza de San Martiño en Ourense a mesma hora. O día 23 de xuño, os concertos serán na Estación Termal de Outariz ás 23.00 horas, e o día 24 de xuño, será no Balneario de Laias, ás 20.00 horas. Ademais das actuacións musicais, os artistas serán recibidos en diferentes institucións públicas e o Festival será clausurado en Laias cunha “gala na que tódolos artistas mesturarán o termalismo coa música”, sinalou José Antonio Viñas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar