En Marea, un “partido ornamental…”

Cerna ven de anunciar a súa disolución. Non se alarmen vostedes. Os seus dirixentes xa realizaron a mesma operación no PSG, no Colectivo Socialista, nos Irmandiños, en AGE… Cada vez que se disolven e para crear algo novo. E fano tan ben, que alá onde van sempre acadan cotas importantes de poder.

Agora semella que pretenden empuxar a En Marea como partido. Así llo comunicaron a opinión pública. Vano ter difícil.

A situación é tan tensa que até Méndez Ferrín, que deixara de pontificar de política desde os días en que poñía a Mariano Abalo como a grande esperan- za do nacionalismo galego, se dedica agora as cardas dialécticas, chamándolles “dereita galeguista”, “piñeiristas” e algúns cualificativos peores que eu non vou reproducir para non ferir sensibilidades.

Non piden moito os de Cerna: unicamente que se cumpra o acordado en Vigo, cando a fundación do partido En Marea: que sexa iso, un partido. Tanto e tampouco!

Pero tanto Esquerda Unida coma Podemos negan a maior, din que eles nunca fundaron un partido e, non só teiman en que unicamente é unha coalición electoral, senón, intem más, que o seu respectivo nome ten que estar presente nesa coalición electoral. Así o pactaron en Madrid e así queren que sexa aquí. Agás algunhas excepcións: naquelas cidades nas que ostentan a alcaldía. Sobre todo, porque saben que non lles van facer caso e levan todas as de perder. O poder é o poder!

Pero hai outros integrantes máis de En Marea, comezando por Xosé Manuel Beiras, que foi o primeiro en pedir a dimisión de Paula Quinteiro e logo pechou a boca moi pechadiña, deixando só aos de Villares loitando contas os elementos, que afirman que En Marea desnaturalizouse e que o que hai que facer é “refundala”.

Desencantados con EU e Podemos que, din, eso de aceptar o dereito de autodeterminación para Galiza é só unha lila lilaina, pois, na práctica, nin sequera deixan decidir aos seus militantes de aquí, pois pactan en Madrid de costas a eles. Non explican moi ben como queren facer esa refundación, aínda que si para que: “Para acadar a verdadeira unidade popular”. Unha unidade, que non dan conseguido en En Marea, polo que se pode comprobar. U­nha unidade popular que tería como obxectivo principal desaloxar ao PP do goberno do Estado. Pero xa foi despedido Mariano Raxoi, entre sentenzas e moción de censura!

Mentres tanto, volven a aparecer aquelas persoas que están en todas as rupturas, pero tamén en todas as unións, a falar da necesidade da unidade do nacionalismo. Poida que non lle falte razón, pero sería bo que comezaran a realizar a “concentración parcelaría” na súa propia casa, para saber con que se pode contar.

Ou non?

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar