Día de Galicia en Euskadi:“O PP é o mellor antídoto contra os nacionalismos excluintes”

 

En Galicia falar de Llodio, de Santurce ou de Trintxerpe é coma falar dun concello máis”, O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que “o Partido Popular é o mellor antídoto contra os nacionalismos excluíntes”. Nun acto celebrado na localidade alavesa de Llodio, con motivo da celebración do Día de Galicia en Euskadi, o representante popular engadiu que “somos o mellor antídoto contra os populistas que pretenden construír sociedades de bandos e contra os socialistas que din unha cousa cando están na oposición e fan a contraria cando chegan ao goberno”.

 

 

Acompañado do presidente do PP vasco, Alfonso Alonso, Tellado salientou que o PP “é o partido de Euskadi, un proxecto de maiorías, centrado, integrador e no que moitas persoas se poden ver representadas”. Nesta mesma liña, arremeteu contra aqueles que cren que tanto Galicia como Euskadi lles pertencen unicamente a eles: “No Partido Popular cremos que este partido se debe e pertence a Galicia e a Euskadi, porque sempre respectamos a súa vontade e porque estamos orgullosos da nosa terra. Non queremos cambiala nin rompela, senón que traballamos para mellorala e facer dela un lugar mellor para os nosos fillos e os fillos dos nosos fillos”. “Estamos orgullosos do que somos –engadiu-, pobos con historia, con lingua, con cultura e con identidade propias, que son parte dun todo que é España”.

“Somos un partido de valentes e, entre eles, os máis valentes sempre fostes os vascos”, indicou o secretario xeral, quen salientou que “Euskadi foi e é a nosa motivación para facer política”. Neste senso, fixo referencia á satisfacción que é comprobar como sempre hai alguén disposto a defender os nosos valores: a liberdade, o crecemento a responsabilidade ou a unidade do noso país.

“En Euskadi hai moito de Galicia”
Durante a súa intervención, aproveitou para subliñar o importante papel que tiveron os centros de Galicia para os miles de galegos emigrados no País Vasco: “O que nun primeiro momento foi un lugar de asistencia, foi a vosa casa e hoxe é parte da vosa vida”.

Destacou que “no Euskadi de hoxe hai moito de Galicia”, en referencia aos miles de galegos que emigraron “en busca dunha oportunidade e dun futuro mellor”. “Foron os vosos avós e os vosos pais os que participaron activamente no Euskadi do século XXI”, indicou. Por iso, instou a que “nada nin ninguén rompa esta fraternidade, desuna esta familia nin destrúa a vosa casa que é Euskadi”.

Do mesmo xeito, incidiu na fraternidade que hai entre Galicia e o País Vasco: “En Galicia, falar de Llodio, de Santurce ou de Trintxerpe é case como falar dun concello máis”.

“Neste día, celebramos as vosas raíces galegas, unhas raíces que se agarraron con forza a esta terra”, dixo Miguel Tellado. “Sodes galegos que exercedes de galegos, alí onde esteades e alá onde vaiades –continuou-. Pero sodes tamén vascos, porque a vosa vida aquí convértevos en dignos embaixadores de Euskadi”.

Para o secretario xeral, o PP, ao igual que son os centros de Galicia en Euskadi, é unha gran familia, unha casa cos cimentos ben apuntalados, onde todos teñen cabida, sen vetos nin barreiras.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar