Tellado, PPdeG: “O Pedro Sánchez de 2015 pedirá a dimisión do Pedro Sánchez de 2018”

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que “se a aposta pola rexeneración política de Sánchez era nomear ministros a un defraudador fiscal e a un imputado debería ir pensando en facerse unha moción de censura a si mesmo”. “O Pedro Sánchez de 2015 pediría a dimisión do Pedro Sánchez de 2018”, subliñou.

Para Tellado, con estes nomeamentos, “ou o novo presidente improvisou en algo tan importante como é a formación de Goberno, ou intentou enganar a todos os españois facendo o contrario do que dicía”, insistindo en que “ou Sánchez non examinou os perfís das persoas a quen lles entregou as carteiras do Goberno, ou entregou os ministerios aínda sabendo os problemas xudiciais dos que conformarían o seu equipo”. Por todo isto, considera que o presidente debe dar explicacións, “se é que algún día volve dar unha rolda de prensa con preguntas”.

Segundo expresou o número dous dos populares galegos, o novo Executivo nacional parece estar empeñado en pasar á historia por varias razóns: por ser o primeiro en chegar ao poder sen gañar eleccións, por ser o goberno apoiado en menos deputados e por bater o récord de fugacidade dun ministro.

Así mesmo, o secretario xeral matizou que, malia que dende o PPdeG sempre son moi respectuosos cos procesos xudiciais e coa presunción de inocencia independentemente do partido ao que lle afecte, o que ocorre neste caso é que “Pedro Sánchez é vítima da súa hemeroteca” xa que, “en 2015, cando non gobernaba e non pensaba gobernar, dixo que non tería na súa executiva a un defraudador de impostos; e, en 2016, cando non gobernaba e non pensaba gobernar, dixo que non se lle podía abrir as portas dos despachos ministeriais a imputados”.

 

CASO QUINTEIRO

Por outra banda, Miguel Tellado referiuse ás declaracións que onte ofrecía Paula Quinteiro, nas que volvía dar por pechado o seu incidente coa Policía e afirmaba verse reforzada dentro do seu grupo, despois de que o 85% da militancia lle pedise a dimisión.

“Desde o Partido Popular de Galicia temos que dicir que Paula Quinteiro si que está reforzada, porque as Mareas de Podemos premiaron o intento de intimidación a un Policía da súa deputada con maior presenza en comisións, o que implica unha mellora no seu salario; con maior presenza nos debates parlamentarios; e con maior presenza mediática, xa que onte mesmo dou unha rolda de prensa”, aseverou Tellado. “Unha vez máis, vemos como os supostos representantes da xente do común premian un comportamento reprobable e que nada ten que ver co que fai a xente na nosa Comunidade”, engadiu.

Ademais, o secretario xeral incidiu en que “seguimos sen saber que opina Villares do resultado da consulta sobre Paula Quinteiro, seguimos sen saber que opina Villares do ascenso da súa deputada e seguimos sen saber se Villares pensa dimitir por non ser capaz de facer cumprir os mandatos da súa militancia”.

Tellado lamentou que o único que se saiba do portavoz parlamentario de En Marea sexa que “anda pedindo eleccións anticipadas, aínda despois de que persoas do seu partido dixeran que esa petición non tiña ningún sentido”. “Supoñemos que é porque pensa que é a súa única posibilidade de sobrevivir dentro dun grupo no que xa non o respecta ninguén, pero quizá a única saída que lle queda é marchar antes de que o boten”, sentenciou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar