Eira Losada gaña o Reto Lector de Editorial Galaxia 2018

A barbadesa Eira Losada gañou a segunda edición da campaña de fomento da lectura da Editorial Galaxia cun vídeo no que defende a tradución de obras ao galego. Declaráronse ademais outros cinco vídeos finalistas.

Hoxe coñecíase en Vigo o fallo do Reto Lector 2018, a campaña de animación á lectura promovida dende a Editorial Galaxia. O Reto Lector, que este ano se consolida xa na súa segunda edición coma unha actividade de referencia na promoción da lectura en lingua galega, está destinado a mozas e mozos de entre 12 e 16 anos. Para participaren, só tiñan que enviar dous vídeos recomendando algunha das obras do catálogo de Galaxia, de xeito que animasen a outros a ler. Así, non só se favorece o sentido crítico, senón que se busca visibilizar as novas tecnoloxías como unha ferramenta de difusión da lingua e a literatura galegas entre os máis novos.

A gañadora deste ano, escollida por un xurado conformado por alumnas e alumnos do IES Santo Tomé de Vigo, foi Eira Losada, natural de Barbadás (Ourense), que recomendaba no seu vídeo a saga Harry Pottere animaba á lectura de máis obras traducidas para o galego. O premio, consistente nun iPad de última xeración, seralle entregado nun acto o vindeiro 25 de xuño en Vigo pola escritora e académica Marilar Aleixandre, tradutora do primeiro volume da saga para o galego: Harry Potter e a pedra filosofal.

Ademais da gañadora, declaráronse cinco videos finalistas cuxos autores recibirán un lote de libros de Galaxia: Nee Barros (Marín), que recomendaba Os nenos da varíola de María Solar; as recomendacións que fixeron Sara Sabir (Cuntis) e Carolina Cachaldora (Ourense) de O misterio de Portomarín de Antía Yáñez; a recensión sobre O enigma de Embívicus de Xosé A. Perozo que levou a cabo Luna Nogueira (Fene); e o comentario de Mateo González (Ferrol) sobre A boneca de Kafka de Jordi Sierra i Fabra.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar