Máis de 3.100 escolares participaron no concurso contra o tabaquismo

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu, no Palacio de Congresos e Exposicións, o acto de entrega de premios do concurso educativo para a prevención do tabaquismo Clases sen Fume, que organiza a Consellería de Sanidade, a través da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nesta edición 2017-2018 participaron un total de 3.123 escolares de 137 aulas, procedentes de 40 centros diferentes de toda Galicia. O principal obxectivo deste concurso educativo é evitar o inicio do consumo de tabaco nas mozas e mozos galegos, ou, cando menos, atrasar a idade dese inicio.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Jesús Vázquez Almuiña, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación; José Manuel Piñal; así como polo director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares, felicitou aos escolares e aos seus titores que, ao longo de seis meses, traballaron en distintas actividades para coñecer por eles mesmos os beneficios que conleva non iniciarse no consumo do tabaco. Sinalou, ademais, a imaxinación e o bo facer nas actividades realizadas polos escolares.

“Agora xa sabedes que calquera consumo ou exposición pasiva pode ocasionar enfermidades, non existe ningún consumo seguro, exento de risco, por iso o único que vale é o consumo cero”, -díxolle Almuiña aos escolares-.

Actividades e premiados

Clases sen Fume é un concurso educativo para a prevención do tabaquismo, dirixido a escolares de 1º e 2º de ESO, é dicir de 12 a 14 anos, idade na que se dan os primeiros contactos co tabaco. Con esta iniciativa, que forma parte do Plan Proxecta da Consellería de Educación, búscase o compromiso colectivo de toda a clase, é dicir, alumnado e titor, para estar 6 meses sen fumar durante o curso escolar. Neses meses os escolares realizan actividades creativas en relación coa prevención do tabaquismo e traballan as unidades didácticas relacionadas co tema.

Na edición deste ano resultou premiado no apartado a mellor eslogan (“Fai unha boa elección ao saír do cascarón”) o curso 1º A do CPR Sagrado Corazón de Celanova (Ourense). O primeiro premio de actividade creativa (“Ti decides”) foi para 2º C do IES de Poio (Pontevedra). Na categoría de Clases sen Fume, o premio foi para 1º B CPR Compañía de María (Pontevedra). Tamén resultou premiado o curso 2º A do IES Pedregal de Irimia (Lugo) no apartado de actividade creativa: (“Que o fume se esfume”) (2º premio).

Recibiron accesits, o curso 1º A do IES Terra de Soneira (A Coruña) “Paco deixa o tabaco”; 2º A IES Antón Losada Diéguez (Pontevedra) “Apaga o lume e ponte límites”; 1ºB IES Eusebio da Guarda (A Coruña) “A vida dos teus pulmóns”; e 2 A do IES Politécnico de Vigo (Pontevedra) “Sketch contra tabaco”.

Sinalar, por último que esta é a 15 edición do programa, que contou coa colaboración de patrocinadores externos, que foron o Concello de Cerceda, a empresa Monbús e a Cooperativa CLUN.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar