Cando España espirra…

Podemos atoparlle vantaxes ao cambio de Goberno. Por poder, podemos…, e seguro que as ten: comezando por instaurar a práctica democrática fronte a unha dereita, detentadora do poder, que considera que tamén lle corresponde o Goberno, e, cando o perde, xa sexa nas eleccións, xa nunha moción de censura, considera que a expropian e que todo cambio é espurio.

Pero moito me temo que os asuntos máis importantes para Galiza van recibir unha nova parálise na acción de goberno.

Non é que queira ser agoireiro, pero así sucedeu en todas as remudas que se deron desde os cambios ministeriais franquistas. E aínda desde a primeira Restauración Borbónica. E pouco importou que nos distintos gobernos tivesen ou non lugar prominente ilustres fillos da Galiza: ou situaron os intereses persoais por encima dos nacionais, ou os pretendidos intereses de Estado, que son de clase e territoriais, sobordaron por encima dos nosos propios intereses.

Chegaría con lembrar cando naquela Restauración os galegos en Madrid trocaron poder político autóctono polo enriquecemento persoal a conta de, na vez de exportar os nosos produtos, exportar emigrantes.

Non é que en Madrid teimen en prexudicarnos a man tenta, ou que nos teñan unha tírria especial. Non. Tratase dun xogo de intereses e de poderes nos que Galiza sempre remata perdendo.

Remata perdendo porque Galiza está ausente, como tal, aínda nos debates políticos. Non hai máis que ver a última moción de censura, cando até o grupo de Podemos, no que están cinco deputados galegos, a excluíu, e non foi a primeira ocasión, como aspirante a poder tomar as súas propias decisións.

Porque a maioría dos intereses empresariais galegos, incluídos os mediáticos, son subsidiarios de Madrid, e cando queren camiñar con ar autónomo (eólicos, Fenosa, caixas…) o poder central encárgase de coutarlles as ás.

Así que agora, coas necesidades do Goberno Sánchez de resolver o conflito de Cataluña, de cumprir co acordado en Euskadi, de contentar aos andaluces…, as prioridades do novo Executivo van ser outras totalmente diferentes ás galegas. Comezando polo corredor Mediterráneo.

Por se fose pouco, o PSdG-PSOE nin ten peso en Ferraz, nin nunca exerceu como valedor dos nosos intereses… Incapaz sequera de que lle outorgaran un Ministerio… E o que faltaba: a Xunta en interinidade e o seu presidente metido na lea para ser o sucesor de Raxoi en Madrid. Se Núñez Feixó, outro atacado por medrileñite, nunca foi quen de facer valer os intereses de Galiza na Corte, utilizando a Xunta como unha terminal do Goberno do Estado, menos o vai facer agora.

Preparémonos para un ano duro.

Xa o dicía meu pai: “Cando España espirra, Galiza colle unha pulmonía”.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de “El Correo Gallego”

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar