O Consello Regulador do Ribeiro prepara a sétima edición da Gala do Mosteiro de San Cloido

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro prepara a sétima edición da súa Gala de Premios que terá lugar o martes 26 de xuño nos claustros do  Mosteiro de San Clodio (Leiro, Ourense).
Nesta edición, o xornalista Víctor de la Serna recibirá o galardón que recoñece a Mellor tarefa de comunicación”, mentres que Sonia  Prince de  Galimberti será galardoada co premio “Muller e viño”.
Víctor de la Serna Arenillas, integrante dunha saga de xornalistas, ten unha  extensísima traxectoria xornalística e actualmente é columnista en El Mundo. Ademais de noutros campos, leva escribindo sobre gastronomía e viños en distintos medios dende hai máis de tres décadas, aínda que o seu nome está especialmente ligado a  Elmundovino, do que foi impulsor e é director adxunto.

Sonia Prince de Galimberti é a presidenta da Asociación de Mujeres Amantes de la Cultura del Vino –  AMAVI. Esta entidade nada en 1996 busca aproximar a cultura vinícola ás mulleres, ao mesmo tempo que supón un alicerce para apoiar o seu traballo. Ademais é, xunto ao seu marido Massimo de Galimberti, co fundadora do club Vinoselección.

Súmanse así na lista de personalidades recoñecidas pola Denominación máis antiga de Galicia a César Lumbreras, responsable de Agropopular na Cadena COPE, quen recollerá o premio “Persoeiro de Honra”.

No 2017 o Premio “Mellor Tarefa de Comunicación” foi para Joan Gómez Pallarès, responsable de Devinis e colaborador de El País Semanal; e no 2016, para Salvador Manjón, director de La Semana Vitivinícola.

Mónica Fernández, directora de sala e sumiller dos restaurantes do Grupo Bambú, obtivo o Premio “Muller e Viño” no 2017; e Mayte Santa Cecilia, directora de marketing e de compras das tendas Bodega Santa Cecilia, no 2016,

A Gala de Premios da Denominación de Orixe Ribeiro 2018 reunirá aos profesionais que os fan posibles e que os divulgan: adegas,  colleiteiros, distribuidores, almacenistas, medios de comunicación, prescriptores… Esta festa da viticultura conta co atractivo adicional de celebrarse no emblemático Mosteiro de San Clodio, berce da viticultura galega e das súas castes autóctonas.

Ademais, na Gala da D.O. Ribeiro vanse entregar os galardóns nas categorías: “Vida entre Vides”; “Mellor viño branco de adega”; “Mellor viño branco de colleiteiro”; “Mellor viño tinto”; “Mellor servizo de viño en restaurante”; “Mellor tenda especializada – viñoteca” e “Mellor taberna – bar de viños”.

Sobre a Denominación de Orixe Ribeiro
A Denominación de Orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia, oficialmente protexida no ano 1932, e unha das máis antigas de España. Actualmente está conformada por 115 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense.

A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 2.232 hectáreas de vide situadas nos concellos de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Un territorio de grande diversidade vitivinícola onde traballan uns 5.800 viticultores.

A D.O. Ribeiro produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao… Así como o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do século XIX.

A produción da colleita 2017 na Denominación de Orixe foi de 9,5 millóns de quilos de uva. O 92% da produción total é de viño branco e o 8% de viño tinto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar