Estudantes de Redondela visitan o xardín botanico do Parlamento

Un grupo de 41 alumnos de 6º de Primaria do CEIP Santo Paio de Abaixo (Redondela), coñeceron o Xardín Botánico do Parlamento de Galicia coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente.
O alumnado e o profesorado que os acompañou visitaron o Parlamento, onde recibiron información sobre o Xardín Botánico, integrado por especies autóctonas e situado no recinto do Pazo do Hórreo.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, que se sumou á visita, animou aos participantes a asumir o chamamento efectuado este ano pola Organización das Nacións Unidas no Día Mundial do Medio Ambiente para rexeitar o plástico descartable. É dicir, reducir a contaminación por plásticos, que ameaza a vida mariña e humana, e destrúe os ecosistemas naturais, segundo advirte a ONU.
Diferentes parlamentos rexionais europeos acollen hoxe actividades relacionadas co Día Mundial do Medio Ambiente no marco dunha estratexia coordinada pola Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), presidida arestora pola titular da Asemblea dos Azores, Ana Luísa Pereira Luís.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar