A Policía Autonómica incauta máis de 80 quilos de percebe

Axentes da Policía Autonómica da Xefatura Local da Coruña, durante esta fin de semana comisaron máis de 80 quilos de percebe e diverso material utilizado na extracción deste marisco. Estas intervencións tiveron lugar na zona de Adormideiras e da Torre de Hércules, zonas onde se atopaban mariscando ata un total de 7 furtivos, aos cales se lles levantaron as correspondente actas de infracción, sendo entregado o marisco a unha institución benéfica da Coruña.

Por outra banda, axentes da Policía Autonómica da sede de Pontevedra, o pasado día 1 de xuño, sorprenderon a unha persoa na rúa realizando a venda de diferentes cantidades de percebe, que portaba en catro contedores isotermos portátiles, no interior do maleteiro do seu vehículo particular, arroxando un total de 34,8 quilos de percebe. Do actuado levantouse a correspondente acta de infracción, remitindo o marisco comisado ao comedor benéfico de Marín.

CONTROL DE ALCOHOL EN MENORES

Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo entre o 28 e o 3 de xuño un total de 164 inspeccións de control en 16 concellos galegos.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo nesta pasada semana realizáronse 30 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos de A Coruña, Abegondo, Ames, Camariñas, Cambre, Lugo, Mesía, Nigrán, O Pino, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Santa Comba, Santiago de Compostela e Vigo

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 136 persoas e inspeccionadas 164 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 19 actas de infracción, das cales 1 foron por venda de alcol e 18 por consumo de alcol.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar