“Saberes e sabores”: maridaxe entre gastronomía e artesanía de Galicia en Madrid

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou o Pop Up Galicia. Saberes e Sabores, que se celebra ata mañá domingo en Madrid, e que está a ter moi boa acollida por parte do público. Vázquez Abeal asistiu a unha cata de viños da denominación de orixe Valdeorras “Un brinde de sensacións”, a cargo do Consello Regulador de dita denominación, que se repetirá mañá ás 18:30 horas.

Desde o pasado 25 de maio, o Palacio de Santa Bárbara no que se desenvolve o evento encheuse de público interesado nas pezas dos máis de 50 profesionais da Artesanía de Galicia que se expoñen, así como nos 16 expositores de produtos gourmet galegos e nos 12 do sector artesán, nos talleres dedicados aos oficios de artesanía, nas catas e presentacións de produtos así como nos showcookings dirixidos por catro cociñeiros galegos de prestixio, e na Terraza Galicia, aberta de 12:00 a 23:00 horas todos os días.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Artesanía de Galicia e en colaboración con Galicia Calidade, organiza este evento no que se presenta unha selección da mellor gastronomía galega e de Artesanía de Galicia, co obxectivo de facer sentir Galicia en Madrid durante uns días. En toda a programación destaca a aposta por amosar os oficios artesanais e a súa incorporación á presentación de produtos gourmet e da alta cociña galega, a través de catas, presentacións e showcookings. Os cociñeiros de grupo Nove, Lucía Freitas, Iñaki Bretal e Juan Crujeiras, así como o chef Jorge Gago, presentaron os seus pratos en pezas de cerámica e olería, madeira, acompañados por pezas de téxtil, coitelos artesanais, cestas tradicionais e cestos en corda de algodón.

Dentro da programación desta fin de semana, o obradoiro de Percusión Tradicional Sanín (Santiago de Compostela) dirixe un taller de elaboración de pandeiretas esta tarde de 17:30 a 21:30 e ofrecerá demostracións do seu oficio hoxe pola mañá e o domingo en horario de mañá e tarde. Pola súa banda, a ceramista Susana González Amado dirixe esta fin de semana un taller aberto para familias sobre torneado cerámico, en horario de mañá e de tarde.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar