Camiño de Santiago: Un cento de menores como vía de integración

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, recibiron aos participantes na peregrinación O Camiño dos valores, un proxecto que ofrece a posibilidade de que menores en situación de vulnerabilidade se relacionen nesta contorna social en busca de novas referencias que lles permitan coñecer e incorporar ás súas vidas principios renovados.

O grupo, formado por máis de 200 persoas das que un centenar son menores, chegou hoxe ao albergue de peregrinos do Hospital de Bruma, no concello de Mesía, integrado na rede pública do Xacobeo. Estanse a aloxar nela ao longo da experiencia como parte do protocolo de colaboración asinado o pasado ano entre Nava Castro e Reyes Martel, xuíz de menores de Gran Canaria e responsable de UP2U Project Depende de Ti, promotor desta iniciativa.

Nava Castro e Ovidio Rodeiro, que estiveron acompañados polo alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, interesáronse polo transcurso da marcha, que se desenvolve no Camiño Inglés e que rematará o domingo en Santiago de Compostela, e felicitaron aos organizadores por potenciar a ruta xacobea como vía de integración social para mozos de toda España con medidas xudiciais ou mozos de protección declarados en situación de desamparo.

Vínculos xacobeos

Esta iniciativa fomenta, así mesmo, os vínculos entre o Camiño de Santiago tradicional e o Camiño de Santiago en Gran Canaria, única ruta xacobea con dúas igrexas con indulxencia plenaria. Precisamente tamén o pasado ano o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, viaxou a Gran Canaria para participar nunha peregrinación como parte da colaboración brindada desde Turismo de Galicia ás propostas desenvolvidas por UP2U Project Depende de Ti.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar