Expertos en comunicación coiciden nas claves da mensaxe política e institucional

 

Transparencia, brevidade, rigor e claridade, son os factores determinantes dunha boa comunicación. Nesta conclusión coincidiron os expertos que participaron na «VII Xornada sobre as deputacións do futuro», organizada pola Deputación de Ourense e a Fundación Democracia e Goberno Local, que analizou a comunicación política en todas as súas variantes aplicadas á política e á administración pública.

A xornada foi inaugurada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen defendeu «unha comunicación construtiva e en positivo, rigorosa e comprensible», destacando que crer na comunicación «favorece a confianza e unha maior interacción, e é fundamental para a excelencia na xestión política e institucional». O presidente do goberno provincial dixo que por sétimo ano consecutivo «a Deputación de Ourense organiza da man da Fundación Democracia e Goberno Local esta xornada para formar e informar, e nesta edición nunca mellor dito, xa que a política é comunicación e a comunicación tamén é política». Baltar subliñou «a aposta firme do goberno provincial a prol dunha comunicación próxima, transparente e eficaz», entendida como servizo público, o que fai que a Deputación de Ourense e o seu presidente sexan líderes neste ámbito en Twitter, un aspecto que remarcou no seu relatorio o consultor en Comunicación política José Luis Vicente, afirmando a Deputación de Ourense «destaca polo seu labor de comunicación e posicionamento nas redes sociais».

Neste sentido, o experto dixo que «é importante o equilibrio entre información e comunicación» e que a confianza cos cidadáns «gáñase coa proximidade e entusiasmando, máis que convencendo». Asemade, referíndose á comunicación no ámbito local afirmou que todas as competencias municipais «deberían estar participadas e potenciadas pola comunicación» porque nesta contorna do local «as relacións humanas predominan sobre as redes sociais, xa que a política local é o arte de sumar».

A xornada comezou co relatorio de Estrella Montolio, catedrática de Lingüística Hispánica da Universidade de Barcelona, quen falou sobre a importancia de construír unha mensaxe eficaz. Cualificou como clave que o que dicimos «debe ser sinxelo e comprensible; só así a comunicación chegará, porque os cidadáns teñen dereito a entender, e esta é a única maneira de garantir a confianza con eles: tendo unha comunicación institucional clara».

Pola súa banda, Fran Carrillo, director da consultora de comunicación «La fábrica de discursos» puxo de relevo a importancia do «impacto emocional». «A comunicación non é só mensaxe, senón a percepción que o receptor ten», dixo, e apuntou que o discurso político «debe concentrar na mínima duración todo o que se quere expresar». «As redes sociais non gañan eleccións pero marcan a axenda da conversación», afirmou o consultor, quen defendeu «unha comunicación xenuina, non desvirtuada, e baseada en valores», sinalando que hoxe en día «é fundamental contalo pero tamén amosalo».

Nesta liña, a analista política Verónica Fumanal dixo que actualmente «partidos políticos, as institucións e os medios informativos compartimos os mesmo retos e a mesma problemática, e temos que entendernos entre todos dentro da «batalla do relato», e destacou que a inmediatez informativa e o «río mediático» «son algo contra o que non podemos loitar, pero si debemos combater a crise de credibilidade, para o cal temos que saber ler e entender a realidade dos cidadáns». «A nova medida do tempo é o instante –dixo- e subliñou «o empoderamento da cidadanía» no ámbito da comunicación, citando como exemplos os recentes actos de reivindicación dos pensionistas ou as manifestacións do movemento 8 de marzo, en favor dos dereitos da muller.

A xornada, que se celebrou no centro cultural «Marcos Valcárcel», ía dirixida a cargos electos, representantes institucionais, técnicos das administracións locais e provinciais e persoas interesadas na temática da comunicación. O xerente da fundación «Democracia e Goberno Local», José Luis Moreno, destacou que a comunicación «é un aspecto clave da nosa sociedade, xa que os cidadáns queren saber máis, e o feito de como as institucións e os responsables políticos fan chegar a súa mensaxe á cidadanía é fundamental para comprender o seu labor».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar