Parlamento:O director xeral da CRTVG destaca o reforzo do servizo público

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, detallou pormenorizadamente no Parlamento de Galicia as novidades previstas para setembro na Radio Galega no marco da súa comparecencia mensual ante a Comisión Permanente non Lexislativa de Control da CRTVG.

Sánchez Izquierdo explicou que a Radio Galega estreará notables cambios na súa grella, e despois dun “estudo amplo das tendencias das audiencias, das novas formas de comportamento, do consumo de radio dos oíntes, das conclusións de informes externos e internos”. Os cambios, sinalou, responden tamén “a estratexia global da Corporación de aunar esforzos para conseguir ser máis eficaces na integración da marca CRTVG como un todo a resultas do proceso de dixitalización que están a vivir os medios públicos de Galicia”.

Deste xeito, a emisora pública ampliará a partir de setembro a duración dos seus informativos e principais programas apostando pola información de proximidade, con grandes cambios. O “Galicia Por Diante” ou “A Tarde” mudarán por completo a súa estrutura e contarán con cinco puntos de directo a partir de setembro. Haberá debates locais nas delegacións da Radio Galega, debates nos que participarán as forzas políticas con representación nas corporacións das sete grandes cidades galegas e nas deputacións provinciais, e haberá tamén debates especializados en eidos sociais. Esta nova proposta centrarase en dar cobertura en directo “a calquera lugar da Comunidade, fuxindo doutros formatos que xa non se adaptan aos novos modelos de radio, xa que é imprescindible descentralizar o noso discurso, levalo das cidades ao conxunto do territorio e para iso necesitamos a máis xente sobre o terreo”.

A información local terá aínda máis presenza no novo formato, xa que, actualmente as desconexións locais suman 25 minutos entres os dous bloques. No novo esquema, o “Galicia Por Diante” ofrecerá cada día 15 minutos de información local; a “Crónica das Dúas” ofrecerá outros 15; e “A Crónica” chegará aos 20 minutos. Son en total 50 minutos diarios reservados para estes contidos na Radio Galega

 

 

DIARIO CULTURAL

 

Así mesmo, o director xeral sinalou especialmente que “se potenciará a oferta cultural arredor do ‘Diario Cultural’, que se amplía a 4 edicións ao día, con 3 novas edicións en directo na fin de semana, e unha canle dixital propia”. Este veterano espazo da Radio Galega vivirá un cambio de modelo evidente, xa que “onde antes se impoñían as radios xeralistas agora se impoñen as temáticas, e onde antes o consumo de radio era o que podemos entender por analóxico agora xa se está desprazando a microespazos á carta”.

O “Diario Cultural” duplicará o seu tempo de emisión diario “pasando de 50 minutos a 100, en máis faixas horarias, o que significa máis diversidade de público con acceso á cultura”. Eses 100 minutos estarán repartidos en catro bloques autónomos: dous de 30 minutos onde haberá cabida para entrevistas en profundidade, debates, teatro etc. e outros dous de 15 minutos. Todos en faixas horarias que duplican e mesmo triplican a audiencia da faixa na que está actualmente o programa. Crearase un Diario Cultural tamén na fin de semana, reforzarase o equipo e crearase unha “canle dixital propia do “Diario Cultural” onde comezar unha nova relación coa audiencia que cada vez se está a desprazar máis cara ese tipo de consumo. Sobre todo a xente nova, o que, como saben, ten que ser un dos obxetivos prioritarios dos medios públicos galegos”.

O director xeral da CRTVG tamén sinalou a confianza da Radio Galega na actual dirección do “Diario Cultural” e explicou que a súa actual directora, “profesional que goza das máis altas consideracións”, “estivo desde o comezo ao tanto de todos estes cambios, e que se lle ofreceu coordinar todo o proxecto, é dicir, toda a nova estrutura cultural da Radio Galega ”.

 

 

CASO GÜRTEL

 

O director xeral criticou que se difundira unha captura de pantalla dunha previsión informativa fóra de contexto, cunha estimación de tempos feita antes de que se soubera sequera se a sentenza sería pública ese mesmo xoves.

O tratamento da sentenza da trama Gürtel o pasado 24 de maio no Telexornal Mediodía –salientou Sanchez Izquierdo- durou 5 minutos e 10 segundos. Foi o primeiro titular logo de toda a información sobre catástrofe de Tui. Xa nos titulares se informa da condena ao PP e a Pablo Crespo. Recóllense as reaccións dos partidos maioritarios no Parlamento, agás o PSOE que non fixera declaracións á hora de emisión do Telexornal. Os 3 representantes do PP dos que se recollen testemuños son o Sr. Maillo, o presidente da Xunta e o presidente do Goberno e cuestiona os membros da Corporación “que lle estarían preguntando nesta Comisión se a CRTVG non emitira as manifestacións do presidente da Xunta e o presidente do Goberno no día que se revela a sentenza da trama Gürtel”.

Sánchez Izquierdo convidou os integrantes da Comisión de Control á CRTVG a non alimentar falsidades, xa que “quen sofre as consecuencias son propios traballadores da Corporación e a cidadanía” e a comprobar a páxina web da CRTVG a información real a este respecto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar