Teo:O PP denuncia que o alcalde non consultou o expediente da planta de reciclaxe

O bipartito non solicitou información do trámite administrativo da planta de reciclaxe de Casalonga en Medio Ambiente. Considerando a magnitude da cuestión e que a Alcaldía coñece dende outubro este asunto, para os populares resulta inconcibible que non se dirixiran a este departamento da Xunta para solicitar información e facilitarlla á veciñanza. Con este feito demóstrase, unha vez máis, a utilización política que está a facer o bipartito dende o primeiro momento co modus operandi de sempre, botando a culpa a aqueles aos que nin sequera lle solicitaron a información. Guerra pide “altura de miras” e insiste que “nun asunto de tal magnitude e sensibilidade non se pode aceptar o máis mínimo uso partidista. Señor Sisto, primeiro os veciños”, recórdalle.

O pasado mes de outubro o alcalde coñecía en primeira persoa o proxecto da planta de reciclaxe de Casalonga, tal e como admitiu na xunta de portavoces forzada pola oposición. Mais, no canto de dar a coñecer esta información á veciñanza e grupos de oposición, ocultouna ata o mes de maio. Durante todo este tempo, 8 meses, o Concello non se puxo en contacto unha soa vez co departamento de Medio Ambiente da Xunta, máximo competente na cuestión, para solicitar unha reunión coa Directora Xeral e obter información de primeira man. E tampouco se interesaron polo expediente.

Os populares manifestan o máximo estupor e indignación coa cuestión ao demostrarse que o bipartito está máis interesado en manipular á veciñanza ca en darlle información de primeira man. Para os populares, aqueles que enarbolaban a bandeira da transparencia “mantiveron oculto o proxecto durante 8 meses, non informan á veciñanza nin á oposición do mesmo, deciden publicalo días despois de abrir a precampaña, non convidan aos grupos de oposición á reunión informativa” e agora demostra, ademais, que nin tan sequera contactaron con Medio Ambiente para informarse.

José Manuel Guerra declara o seu “apoio rotundo, sen fisuras e incontestable” á veciñanza de Calo e por iso pide transparencia e a máxima información. A preocupación de Rafa Sisto nas próximas eleccións lévalle, incluso, a decaer nas súas propias funcións nun asunto de máxima importancia e sensibilidade para a veciñanza. Para os populares teenses a “mesquindade” coa que está a actuar o máximo mandatario teense é inaceptable.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar