TVG presenta en Caminha a rodaxe da serie “Verão M”

 

Televisión de Galicia presentou xunto coa RTP, na praia de Moledo, en Caminha (Portugal), o inicio da rodaxe da nova serie que ambas canles coproducirán. “Verão M” é unha aposta fresca, de verán, enmarcada no xénero de aventuras, e dirixida a toda a familia. Na presentación da serie e da rodaxe, que empeza mañá, estiveron presentes o director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea; a xefa de Contidos da CRTVG, Montse Besada; Daniel Deusdado, director de Programas da RTP; os realizadores Patrícia Sequeira, João Carvalho e David Matos, e os produtores da mesma e parte do elenco actoral.

​Fernando R. Ojea destacou a importancia da cooperación audiovisual establecida co país veciño e indicou que “temos aberta unha liña de colaboración con Portugal que cremos que ten moito futuro pola nosa identidade cultural. Estamos especialmente ilusionados con esta serie porque ten un compoñente transfronteirizo puro: acontece ao outro lado da raia e con personaxes galegos, cunha presenza de Galicia nas propias historias e, incluso, cunha parte da rodaxe na nosa terra”. Tamén incidiu na temática desta produción da que engadiu que “pode ser moi do gusto do noso público”.

​“Verão M” ten todos os ingredientes para atrapar os espectadores desde o primeiro capítulo. A través de historias humanas e conmovedoras, reavivará as lembranzas das vacacións de verán que son comúns a toda a audiencia, cun fermoso escenario de fondo, como é a Foz do Minho. A serie, que comeza este martes a gravarse, levarase a cabo en distintas localizacións de Moledo, Caminha, Serra d’Arga e Vila Praia de Áncora, amais dun lugar por anunciar no sur de Galicia.

​En total serán 13 episodios, cunha duración de 45 minutos cada un, producidos por Santa Rita Filmes e realizados principalmente pola lisboeta Patrícia Sequeira, directora de “Morangos com Açucar”, serie de éxito actualmente en antena na segunda canle da Galega. Cómpre salientar que “Verão M” conta, entre o elenco principal, coa participación da actriz galega Isabel Blanco, que interpretará a Mercedes Pinto, unha avoa moi particular.

​A trama ten como punto de partida a iniciativa dun pai –Manuel- que, tras a tensión dun divorcio, decide recuperar e estreitar a relación cos seus dous fillos comezando unhas vacacións de verán na praia de Moledo, no concello de Caminha, onde el viviu os seus mellores momentos durante a xuventude. Pronto os seus fillos formarán un grupo inseparable de amigos cos que vivirán grandes aventuras, mentres que o pai se reencontrará cunha antiga relación da súa adolescencia.

Unha escola de surf e un bar na praia serán algúns dos escenarios principais, aos que hai que engadirlles unha casa de madeira xunto ao areal, en que vive un vello galego artesán de instrumentos, chamado Diego, un amigo ao que recorrerán os rapaces en cada unha das súas fazañas.

“Verão M” nace como continuidade á estreita cooperación entre a TVG e a RTP, que deu lugar a variados desenvolvementos entre as dúas canles, como programas conxuntos (“Aquí Galicia, “Camiños da Irmandade”), coproducións de ficción (“Vidago Palace”), o traballo permanente dun xornalista da TVG no Porto ou mesmo a transmisión dun concerto solidario pola nosa web. Froito desa colaboración, a TVG foi a única canle convidada á retransmisión en directo do Festival de Eurovisión 2018, celebrado en Lisboa hai unhas semanas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar