Alicornos pra alentar a fantasía e a poesía

Quen leva metido na cabeza un unicornio, leva consigo parte fina da esotérica historia dos mitos. O corno é defensa, significa mando e dominio, servirá entón como vara máxica pra avolver e abrir camiños de estrelas nas galaxias e nos soños. Mesmo como caxato de mago pra furar na parte escura e poética do corazón… e voar. Unicornio, alicorno, solitario, inocente, equivoco, agresivo, místico, namoradeiro, viril… Entre o Eros e o Thanatos, sóñase de branco puro, tamén do azul da inspiración, de violeta feminista ou de libertario verde lorquián.

Poucos países hai con tanta atracción polos monstros e os animais fantásticos como Galiza: as tarascas castrexas, as perversións representadas nos canicelos, nas gárgolas, nas misericordias dos coros… tendencia a esaxerar, a crear tipos caricaturizados deica convertelos en esperpentos. Querenza que chega ao Occidente dende o Crecente Fértil Oriental, ao fin e ao cabo, Mesopotamia e Exipto sempre nos orientan, e será aquí onde acouga a orixe, mesmo a do mítico unicornio ou entre nós, alicorno. Símbolo acubillado nos ambientes cultos e litúrxicos, os da igrexa e os da nobreza. E velaí representado, entre un mostrario de monstros, nunha misericordia do coro mudéxar da Igrexa do Mosteiro de Celanova. Atopamos tamén a súa silueta recortada sobre a reixa renacentista, de ferro forxado, da Colexiata de Santa María de Iria Flavia, mal o sabía Camilo José Cela cando o heraldista Eduardo Pardo de Guevara lle deseña o seu emblema heráldico de Marqués de Iria, no que campan catro cuarteis divididos por dúas pluma (de escribir) cruzadas pra enmarcar estrelas e cunchas, conxunto sobre o lema El que resiste gana, protexido entre dous alicornos rampantes. Non podía ser doutro xeito pola matriarcal sangue inglesa que corría polo escritor. Xa que o escudo da monarquía inglesa céntrase entre o león da forza e o alicorno encadeado do idealismo, este en alusión á céltica Escocia, da que é o seu símbolo. A Condesa de Pardo Bazán, afeccionada aos tapices, decorou a Torre da Quimera do pazo de Meirás cun con tema do unicornio, aínda por estudo e hoxe no Concello da Coruña.

Non é fácil precisar sobre a orixe da representación do alicorno, presente en todas as épocas e furando fronteiras. Labiríntica cuestión que acende máis o seu nimbo de misterio. Con orixe entre ese repertorio de símbolos que, alá polo século IV a. C se perde no esplendor do estimulante Oriente, de onde tamén proceden o incenso, as sedas, as pedras preciosas, os magos e estrañas relixións… civilizacións propensas ao maxín, aos símbolos do subterráneo e do celeste, á monstroloxía. Universo que Sumeria recolle e verte a indoeuropeos, gregos, celtas, etruscos, ligures, ibéricos… retomados no Románico e no Renacemento.

Símbolo de tempo de clasicismo e filosofía impulsada por Alexandro, cando as viaxes e as odiseas náuticas máis alá das Columnas de Hércules alimentan a creatividade. Sorpresa tras sorpresa, ascese nun xeito de Xogo da Oca: descubrimento de paraísos e infernos, de altares e simas, de enfermidades e saúde, de pedras preciosas, de plantas e animais estraños que aguilloan a creación de contos e cantos. Xa por cronistas gregos do século V a.C. como Xenofonte coñecemos referencias como as do médico e viaxeiro Ctesias quen da conta de certos asnos salvaxes da India, grandes como cabalos, de corpo branco, cabeza vermella, ollos azuis e que do seu branco centro da fronte sae un afiado corno de cor carmesí , na punta e no centro negro… di tamén que as raspaduras deste corno son usadas como apócema contra os velenos… e que de tal corno fanse vasos con propiedades profilácticas, especialmente contra a epilepsia… e os que beben deles quedarán inmunizados contra algunhas enfermidades. Detense na descrición dos nocellos, semellantes aos dun boi, di ser animal pesado como o chumbo, da cor do cinabrio, pero que é rápido e forte como ningún… Afirma que se defende co corno, cos dentes e coucea coas patas traseiras… Quizais Ctesias refírese ao rinoceronte hindú, base de mitos aínda vivos.

Tamén no Tíbet, entre as cimas do Himalaya, ponse ao alicorno, quizais en relación cos antílopes, os orix, de dous afiados cornos rectos e paralelos, os que visto de lado semellan un só. As transferencias e mestura de atributos do rinoceronte da India cos do asno salvaxe de Persia máis as do antílope do Tíbet únense pra crear o mítico unicornio e con el un negocio de venta de anacos de marfil que se din milagrosos. Repertorio recollido por viaxeiros e filósofos como Aristóteles, como o naturalista greco romano Aeliano, Pausanias, Plutarco, o xeógrafo Plinio, Apolonio de Tiana, Opiano ou o mesmo Xulio César que, ao referirse ao bosque de Hercina, en Xermania, di que nel habitaban marabillas, como un cabalo cun corno na fronte… a pesares de que na arte grecoromana non se atopan representacións do mesmo. Pola contra mito moi representado no bestiario medieval, na arte cristián, sublimado como unicornio do paraíso celestial, puro e arrodeado de virxes… amparados en que nun dos salmos de David suplícase que se nos libere da boca do león e da forza do unicornio… con el alúdese á forza divina de Cristo.

Asuntos contados nas Lendas do unicornio do estadounidense Odell Shepard (2000), páxinas que ademais nos enredan na súa caza sacra e noutras fantasías. Tema que ven de vello, recollido por alquimistas e médicos árabes, herdeiros dos saberes bizantinos para pasar a autores sacros e profanos… Sobranceiras son tamén as pescudas arredor do unicornio de Andrea Bacci, como as do boticario Laurens Catelán, formado nese centro de alquimia que é Montpellier, ou no século XVI as de Caspar Bartholius. Sen faltar os que din que o unicornio desapareceu co Diluvio… Lendas multiplicadas pola aparición nas praias do corno do entón descoñecido peixe narval e que se atribuía ao unicornio e cos que comerciaban os viquingos.

Tampouco faltan reliquias dos que se di cornos de alicorno, sendo doutro animal real: no Museo de Cluny unha que pertenceu a Carlomagno; a do rei de Dinamarca no castelo de Fedriksburg, os da catedrais de Venecia, Milán, Chester, o da Igrexa de Raskeld… tamén se di que o conquistador Cabeza de Vaca, o inquisidor Torquemada, os Medici ou Carlos o Temerario… usaron este corno como sortilexio, colocado en empuñaduras, vasos, aneis, cofres como mesmo os do Alcazar de Toledo, de Guadalupe, no Museo de Farmacia da Complutense, do Museo de Ciencias Naturais de Madrid…

Tema incentivado polos tapices flamencos, de finais do século XV, como a serie de A caza do unicornio hoxe no Cloister Museum de New York, ou os da Dama e o unicornio do Museo de Arte Medieval de Cluny, en París, mostrando a confluencia pagán-cristián, o animal que só pode ser domesticado por unha virxe, en alusión a María… Na catedral de Barcelona asoma unha gárgola co unicornio, datada no século XIV…

Cabaleiros artúricos imitan á divindade céltica Rhiannon, a Epona da mitoloxía gala, con corpo de muller e cabeza de cabalo, creadora de équidos… representada con lanza, como cetro de corno de unicornio, tema que é fonte de inspiración para o enxeñoso escritor bonaerense Manuel Mujica Láinez, autor de O unicornio. Do mesmo xeito, o premio Planeta 1987 Juan Eslava Galán En Busca del unicornio, argumenta sobre a busca do corno que aumentará a virilidade do Rei Enrique IV El impotente, tema ao que volve Ana María Matute en Paraíso inhabitado (2008). Na Galiza Quintiá Pereira procurador de temas cos que vencella esta cultura de confín, megalítica, castrexa, céltica e sobre todo románica e barroca e autor do Alicorno, o poder do corno do unicornio na medicina tradicional galega. O labiríntico xardín do alicorno é pra quen teña algo de poeta e se deixe enredar nel.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar