Próxima celebración da 41 Semana Verde de Silleda

 

A 41ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e o 22º salón de alimentación Salimat Abanca, os cales se celebran de forma paralela entre o 7 e o 10 de xuño, contarán cun completo programa no que se inclúen máis de vinte actividades centrado nas razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción.

Nesta programación, que se enmarca no convenio entre a consellería do Medio Rural e a Fundación Semana Verde de Galicia para a promoción destas razas, levaranse a cabo numerosos concursos. Nove deles estarán organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) xunto coas asociacións integradas e os seus criadores, e centraranse en todas as razas bovinas e a Galiña de Mos. Desta última terán lugar a cuarta edición de “A Galiña de Mos e os seus Poliños”, o XI Concurso Monográfico e a 7ª exposición e concurso por lotes. Das bovinas celebraranse o VII Concurso Morfolóxico da Raza Cachena, o VI da Vianesa, V da Caldelá, IV da Limiá e o II da Frieiresa.

Ademais, levaranse a cabo outros dous concursos morfolóxicos, o do Cabalo de Pura Raza Galega, da man da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga), e o segundo do Porco Celta, organizado pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), a cal tamén desenvolverá, como novidade, o I Concurso Nacional de Manexadores.

Por outra banda, haberá exposición de todas as razas, as bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa, o Porco Celta, a Cabra e Ovella Galegas, o Cabalo de Pura Raza Galega e tamén a Galiña de Mos, a cal contará cun mercado de aves vivas. A elas sumaranse actividades ecuestres da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, que incluirán exercicios de doma de alta escola, unha presentación técnica de exemplares ou unha exhibición de ferraxe a lume.

As razas en Salimat Abanca

O salón de alimentación Salimat Abanca tamén acollerá de forma paralela numerosas actividades centradas nestas razas. Así, no restaurante Tapirazas realizarse un menú degustación con tapas de todas as bovinas, a Cabra e a Ovella Galegas, a Galiña de Mos e o Porco Celta. Serán 16 distintas, catro cada día, e incluirán propostas tan atractivas como goulach de Caldelá ao viño mencía, empanada de costela de Frieiresa asada en pota, galo de Mos confitado en tarteira, minihamburgesa 100% cordeiro de Ovella Galega con cebola acaramelada ou costela de Porco Celta asada en dúas coccións e mel galega.

Xunto con Boaga neste Tapirazas participará o cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do restaurante Andarubel – Fragas do Eume, co obxectivo de poñer en valor as excelentes cualidades culinarias e sensoriais destas razas, diferenciándose como produtos únicos e de calidade e coa garantía do sello 100% raza autóctona.

Así mesmo, o salón contará co espazo “De Nós para Vós”, centrado na venda dos produtos das autóctonas de Galicia en perigo de extinción. Quince produtores pertencentes ás asociacións integradas en Boaga presentarán carne e produtos derivados. Será coas marcas Ganadería Balín, Cachenas de Pantón, Cachenas de San Breixo, Gandería Juan M. Lage, Gandería Tras do Río, Castro de Madrosende, Aves do Concello, Chousa do Lea, David Sueiro – Avicultura Artesanal, Gacarli, Granxa Aeiroa, A Granxa de Lola Crugalo, Galos Maceiros e Granxa Teixeiro e Pistón.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar