Expourense: Coleccionismo e decoración impuxéronse en Antiq Auria

A calidade, variedade e orixinalidade dos milleiros de artigos que ofreceron os 53 expositores nesta primeira edición da Feira Internacional de Antigüidades, Antiq Auria, atraeron 2.500 visitas durante a fin de semana. Este foi o primeiro certame coorganizado entre Expourense e a asociación “Memoria Antiga”, e polo tanto impulsado por promotores ourensáns.

Antiq Auria foi unha feira orientada tanto aos profesionais do sector das antigüidades como ao público xeral que recibiu a visita da a familia que buscaba un obxecto único e diferente para o seu fogar ata de empresarios que empregan este tipo de artigos para ambientar os seus locais e negocios.

Coa participación de expositores procedentes de todos os puntos de España e Portugal e tamén de expositores arxentinos, franceses e suízos, Antiq Auria converteuse sen dúbida nun punto de encontro de nostálxicos presentando multitude de obxectos únicos e cheos de historia divididos en tres áreas: antigüidades, coleccionismo e vintage. Ademais de punto de venta, Antiq Auria serviu tamén para que os visitantes tiveran a posibilidade de taxar ou vender aquelas obxectos antigos que teñen nos seus fogares.

Antiq Auria é un proxecto conxunto entre Expourense e a Asociación “Memoria Antiga”, fundada por dous anticuarios da cidade de Ourense, José Antonio Ferreiro de Antigüedes Urbano e Gerardo Román de Antigüedades La Quinta. O obxectivo que os levou a lanzarse a organizar esta primeira edición foi o de organizar unha feira “seria e de calidade” que axude a consolidar á provincia de Ourense como o gran referente das antigüidades en Galicia e un dos máis importantes a nivel estatal, con gran tradición entre a cidadanía.

Remata así a primeira edición dunha cita que se agarda se consolide no calendario feiral de Expourense. Entre os eventos que está a organizar a Fundación para o vindeiro mes destaca a celebración do Global Wellness Day (9 de xuño), a XII Xornada de Divulgación das Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética, que terá lugar o día 14 de xuño e a coorganización da Semana Internacional do Baile Deportivo de Ourense, a celebrar entre os días 22 e 24 de xuño. Así mesmo esta semana o recinto será a sé oficial do 51º Rally de Ourense Termal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar