E agora que facemos, señor Beiras?

Esta semana, a Xosé Manuel Beiras entrevistárono nas Noticias de Guipúzkoa, demostrando a súa probada capacidade de análise.

Incide en que Galiza é unha colonia, “pero agora de cuarta”, e na contradición nacionalismo/españolismo, pero, sobre todo, explica os seus últimos pasos en política:

“Hai un momento en que semella que se pode apostar por unha ruptura democrática co réxime da segunda transición”, pois existiría un deterioro do réxime que “dá lugar a unha inquedanza a nivel de Estado que semella asumir que hai que rematar coa política ultraliberal e que hai que asumir o dereito de autodeterminación dos pobos”.

Pero esa “descomposición do réxime” e as “oportunidades”, “acaban derivando en todo o contrario: estamos nunha nova transición pero que vai cara atrás”.

Que foi o que pasou? Segundo X. M. Beiras, pois que “as alianzas a nivel estatal, fallaron”. É cal foi a causa: “a esquerda política a nivel estatal di que asume a plurinacionalidade pero non o fai”.

Ademais, Podemos abrazaría a liña “errejonista” e pretende pactar co PSOE. Pódese acabar co PP sen pactar co PSOE?

Entende Beiras que, na Galiza, tanto Podemos (“que é un partido de gabinete, que non existe, pero o BNG sigue existindo”) como IU, “insisten en que En Marea é unha coalición e non apostan por unha verdadeira unidade popular”.

Así que, agoira, van aguantar as Mareas municipais nas próximas eleccións, pero En Marea vai fracasar nas vindeiras autonómicas, pois “poden acabar rompendo todo”. Eu podo concordar que se todo saíse como Beiras tiña analizado e lle “fixesen caso”, as cousas serían moi distintas.

Pero como a realidade é a que é, e estamos como estamos: que facemos agora, señor Beiras?

Insistir en construír “unha alternativa entre a esquerda nacionalista e non nacionalista” logo do papel dos partidos estatais que vostede moi ben describe…

Seguir laiándose de que “Galiza non ten potencia suficiente para levar adiante o seu proceso de liberación nacional…”. O que semella contraditorio cando culpa ao BNG de non facerlle caso no 2012, “pois se chega a aceptar a miña proposta, hoxe seriamos hexemónicos”.

E non lles sería mellor, sen tanta urxencia histórica, baseada na bioloxía e no xogo entre ilustres, confiar nas propias forzas, construíndo unha alternativa nacionalista de verdadeira unidade popular, volver as esencias do frontismo que tanto louva (o BNG sigue aí), facer pedagoxía e concienciación nacional, confiando no pobo…

O mazado da Audiencia Nacional ao PP, a moción de censura do PSOE, un posíbel adianto das xerais e o papel subalterno das Mareas no Congreso, urxen definir novas estratexias, dándolle a súa certeira análises o papel de autocrítica e obrando en consecuencia.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar